Cortegada, a illa que conserva máis especies únicas de fungos do mundo

Achadas dúas novas especies neste espazo natural. Con 0,44 km2 conta con máis de 800 clases de fungos, o 40% do Catálogo Micolóxico Galego.

Por Galicia Confidencial | Pontevedra | 28/01/2020 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

A Illa de Cortegada, que forma parte do Parque Nacional das Illas Atlánticas, conta con máis de 800 especies de fungos nos seus 0,44 km2 de extensión. Un espazo único para o hábitat dos fungos aos que se acaban de sumar, agora, dúas novas especies atopadas.

Mollisia cortegadensis, nova especie de fungo atopada en Cortegaa
Mollisia cortegadensis, nova especie de fungo atopada en Cortegaa | Fonte: USC

Calycina cortegadensis e Mollisia cortegadensis son os nomes outorgados a estes novos fungos descubertos polo investigador do grupo da USC Ambiosol, Saúl de la Peña. Estes fungos, en concreto ascomicetos, medran en ramas mortas de castiñeiros e carballos, respectivamente, e o seu achado vén de publicarse na revista Persoonia. “Trátase de dúas especies únicas no mundo”, sinala de la Peña, que tamén advirte da dificultade de atopalas “polo seu reducido tamaño e cor pouco chamativa”. Pablo Alvarado, Óscar Requejo ou Enrique Rubio colaboraron con de la Peña e levaron a cabo a descrición destas dúas novas especies para a ciencia.

Con estes dous novos achados, Cortegada suma xa máis de 800 especies. “A illa cuadriplica en número de taxóns a Parques Nacionais coma Doñana, que nos seus 1.081 km2 só presenta 252 especies de fungos, ou que case duplica os 526 taxóns identificadas no Parque Nacional de Garajonay, de 40 km2”, lembra o autor.

PARAXE "ÚNICA" EN DIVERSIDADE MICOLÓXICA

“Trátase dunha das paraxes máis ricas en diversidade micolóxica non só de Galicia, senón tamén de España e probablemente de Europa”, sinala de la Peña. Estímase que a nivel mundial existen preto dun millón e medio de especies de fungos, “aínda que só coñecemos un 6,7% deles”. En Europa, a cantidade atribuída é de 12.500, mentres que o Catálogo Micolóxico Galego rexistra máis de 2.000 especies, das cales o 40% están presentes na Illa de Cortegada. 

Calycina cortegadensis, nova especie de fungo atopada en Cortegada
Calycina cortegadensis, nova especie de fungo atopada en Cortegada | Fonte: USC

Segundo o autor, dos quince Parques Nacionais e 195 Parques Naturais a nivel estatal, “só un 20% e 1,5% deles, respectivamente, presentan estudos micolóxicos”. Os fungos “posúen ciclos biolóxicos complexos, presentan variabilidades dentro dunha mesma especie e entre especies, e a súa observación non é doada”, apunta o autor, que denuncia “a falta de datos para a clasificación micolóxica e de investigadores de campo”.

CORTEGADA, ENCLAVE ÚNICO

Outro dos aspectos máis valorados dos taxóns desta illa, na que se estima que existen máis de 200 especies fúnxicas aínda por identificar, é o seu valor ecolóxico. “Das 800 especies coñecidas en Cortegada, máis de 100 descubríronse nesta illa, catro están na Lista Roja Europea e nove na Lista Roja Preliminar de Hongos Amenazados de la Península Ibérica”, explica de la Peña. Por outra banda, algunhas destas especies medran en lugares distintos aos dos seus lugares de aparición habituais, como é o caso de fungos de clima subalpino ou mediterráneo que se atopan nesta illa galega.

Cortegada presenta unhas condicións ambientais, forestais e históricas moi especiais, polo que o autor insiste en facer o posible por manter o seu estado. Na actualidade, de la Peña salienta dúas cuestións que levaron á desaparición de gran número de especies da illa. En primeiro lugar, a presenza de xabarís, que se alimentan dos fungos e destrúen o seu micelio ao deixalo en contacto co aire. “Unha densidade axeitada destes animais para un ecosistema insular sería de 1 xabaril/ km2, polo que á Illa de Cortegada lle corresponderían 0,44 xabarís”, explica o autor. En segundo lugar, a case total desaparición da cabra doméstica afecta de xeito negativo ao mantemento do sotobosque e ao desenvolvemento dos fungos da illa.

Illa de Cortegada
Illa de Cortegada | Fonte: Turgalicia
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta