A oposición denuncia os problemas dos campus mentres se "pon unha alfombra vermella" á universidade privada

Común da Esquerda presentou unha proposición non de lei que reclama cambios na planificación da distribución de titulacións das universidades galegas para paliar a "discriminación" cara ao campus de Ourense.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/01/2020 | Actualizada ás 20:52

Comparte esta noticia

Común da Esquerda denunciou a "redución" de titulacións no campus de Ourense, adscrito á Universidade de Vigo, e que, segundo a deputada Ánxeles Cuña, padece unha "discrimanción histórica" que vive o seu último episodio coa supresión da simultaneidade de estudos nos graos de Informática e ADE.

Así o indicou durante a defensa dunha proposición non de lei presentada no pleno ordinario que acolle desde este martes o Parlamento de Galicia. Nela, Común da Esquerda reclama cambios na planificación da distribución de titulacións das universidades galegas para paliar a "discriminación" cara ao campus de Ourense.

Cuña repasou unha serie de casos que, remarcou, constitúen un "agravio" cara á universidade en Ourense, en especial desde o acordo para a creación de novas titulacións para os campus galegos para o período entre 2017 e 2021 no que se "excluíu" á Cidade das Burgas.

Deste xeito, Común da Esquerda reclama a través da súa proposición non de lei que a Xunta "fortaleza" o campus de Ourense dotándoo de novas titulacións, que "restitúa" a simultaneidade dos estudos en Informática e ADE e o cesamento do secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro.

"Os datos obxectivos deste chamado dobre grao son os peores de Galicia", asegurou na súa intervención o deputado do Grupo Popular Martín Fernández Prado, en referencia á simultaneidade de estudos de Informática e ADE en Ourense que, segundo afirmou, abandónano "a metade" dos alumnos despois do primeiro curso.

A continuación, o parlamentario do PPdeG instou a Común da Esquerda a presentar estas demandas "nos órganos de decisión" da UVigo, xa que, tras remarcar que a Xunta non decide os títulos que se imparten nos campus, "foi a universidade quen só pediu dous graos e ningún para Ourense".

Por parte do resto de grupos, Concepción Burgo (PSdeG) denunciou a "continua intromisión" que, di, practica o Goberno galego na universidade e que "está a chegar a límites inadmisibles".

Olalla Rodil (BNG) puxo o foco en que os problemas do campus de Ourense os padecen "o resto de campus periféricos" como o de Ferrol e Lugo mentres a Administración galega "pon unha alfombra vermella para a universidade privada de Abanca". "Non nos estrañaría ver na oferta da universidade privada algunha destas titulacións", asegurou o deputado de En Marea Davide Rodríguez en alusión aos graos que deixaron de impartirse en Ourense.

Campus de Ourense
Campus de Ourense | Fonte: UVigo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta