O conxunto de Canasteves entra no catálogo do patrimonio cultural de Galicia

A construción situada en Ponteceso contará cunha protección integral, polo que, en calquera caso, todas as actuacións que se realicen neste ben deberán ir dirixidas á súa conservación, recuperación e posta en valor.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 16:44

Comparte esta noticia

A Xunta incluíu no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia o conxunto formado pola fonte, a mina, o lavadoiro e a canle de Canasteves, no municipio coruñés de Ponteceso, como ben inmoble coa categoría de lugar de valor etnológico.

En virtude desta decisión, que publica este mércores o Diario Oficial de Galicia, a construción situada en Ponteceso contará cunha protección integral, polo que, en calquera caso, todas as actuacións que se realicen neste ben deberán ir dirixidas á súa conservación, recuperación e posta en valor.

O Goberno galego acredita así os "valores propios" da cultura tradicional deste conxunto polas súas características construtivas, o mantemento das súas partes integrantes e o "alto valor" que ten para Galicia. Aínda que non é posible acreditar a data exacta da construción deste ben, as referencias orais lembran a súa existencia e mantemento comunal desde hai máis de 105 anos.

A construción é un exemplo da arquitectura popular de Canasteves, con materiais baseados na tradición local. Neste sentido, o conxunto está formado pola fonte dun só caño e a mina, que conta cun depósito de máis dun metro de auga de altura; polo lavadoiro, de aproximadamente 2,30 metros de diámetro polo seu lado maior, e da canle e traída, construído con lousa de cachotería que se estende 16 metros desde a saída da auga do lavadoiro.

Tras a súa inclusión no Catálogo do Patrimonio Cultural de Galicia, os usos permitidos serán os asociados ao lugar historicamente, entre os que destaca a recollida de auga para o consumo e o lavado de roupa. Tamén poderán realizarse actividades de salvagarda dos valores culturais etnolóxicos asociados que supoñan a rehabilitación e posta en valor deste conxunto. Ademais, no ámbito inmediato ás estruturas que conforman esta construción debe garantirse a conservación do estado da súa contorna nas mellores condicións.

Fonte-lavadoiro de Canasteves, Ponteceso, nos anos 80
Fonte-lavadoiro de Canasteves, Ponteceso, nos anos 80 | Fonte: Apatrigal

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta