O PPdeG di que "nunca" pactará con Vox e afirma que a oposición si o faría para "botar a Feijóo"

"Negan que pactarán con Vox, pero non llelo cre ninguén", di Pazos Couñago (PP) aos grupos da oposición.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 29/01/2020 | Actualizada ás 17:44

Comparte esta noticia

O PPdeG, a través do seu deputado Alberto Pazos Couñago, asegurou que "nunca" pactará con Vox en Galicia. "E cando o PP di nunca, é nunca", remarcou o parlamentario antes de afirmar que os partidos da oposición --PSdeG, Común da Esquerda, BNG e En Marea-- "si" estarían dispostos a pactar con Vox porque "comparten" o obxectivo de "botar" a Alberto Núñez Feijóo da Presidencia da Xunta.

"Negan que pactarán con Vox pero non llelo cre ninguén", incidiu Pazos Couñago durante o debate dunha proposición non de lei coa que o BNG quería situar á Cámara contra o acordo da Asemblea de Madrid co que PP, Vox e Ciudadanos se mostran partidarios de ilegalizar "os partidos separatistas que atenten contra a unidade da nación cos instrumentos legais ao seu alcance ou procedendo ás reformas legais que habiliten a iso".

Durante o debate, os grupos da oposición afearon aos populares as súas relacións co partido que dirixe Santiago Abascal, grazas ao que gobernan institucións como os gobernos autonómicos de Murcia e Madrid ou o concello da capital española.

O encargado de defender a postura do PPdeG foi o deputado Alberto Pazos Couñago, que acusou á oposición de "axitar o fantasma" dunha formación como Vox que, como lembrou, carece de representación nas institucións galegas.

Así, o popular teorizou con que a oposición "demoniza unha formación política sen representación" na comunidade e, ao mesmo tempo, "préstase a servir de altofalante" para que Vox logre un deputado á conta do PP.

"Vox é o cabalo de Troia para gobernar Galicia", espetou antes de augurar que a oposición "pactará con Vox" se iso é necesario para arrebatar ao PP o poder en Galicia, en referencia ás palabras do mandatario do secretario xeral do partido ultra, Javier Ortega Smith, na campaña das últimas eleccións xerais.

"O PPdeG nunca pactará contra os dereitos civís, os dereitos das mulleres e os intereses de Galicia. E cando o PP di nunca, é nunca", remarcou o deputado popular, quen reivindicou ao seu partido como "a única esperanza que ten Galicia de que a comunidade se manteña lonxe do populismo".

"Galicia é unha terra de xente sensata. O problema do fascismo habita exclusivamente nas súas cabezas", espetou Pazos Couñago nunha mensaxe dirixida cara á oposición ao termo da súa intervención no debate da iniciativa, que foi rexeitada polo voto en contra do grupo maioritario, o popular.

Miguel Tellado e Alberto Pazos Couñago comparecen en rolda de prensa
Miguel Tellado e Alberto Pazos Couñago comparecen en rolda de prensa

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta