O gasto da Coruña en iluminación superou en 5,5 euros por habitante ao de educación no 2019

Así o reflicte un informe elaborado polo Observatorio de Servizos Urbanos (OSUR), que asegura que a cidade reduciu o gasto en todos os seus servizos.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 30/01/2020 | Actualizada ás 10:22

Comparte esta noticia

O Observatorio de Servizos Urbanos (OSUR), plataforma da Asociación pola Excelencia dos Servizos Públicos, sostén que a cidade da Coruña reduciu o ano pasado o gasto "en todos os seus servizos e ámbitos institucionais" e subliña que o concello gastou en 2019 35,23 euros por habitante, fronte aos 29,71 euros per cápita investidos en materia de educación.

Un informe elaborado por OSUR sobre a evolución das contas municipais entre os anos 2010 e 2019 en 20 cidades españolas sinala que na Coruña o gasto no capítulo de benestar comunitario --no que inclúe xestión de residuos, limpeza viaria, abastecemento de auga, rede de sumidoiros, servizos funerarios e iluminación-- descendeu o ano pasado máis dun 2%, ata os 181,92 euros por habitante.

En 2019 o Concello da Coruña prorrogou, co goberno de Marea Atlántica, os orzamentos do ano anterior. As eleccións municipais de maio dese ano situaron á fronte do consistorio ao PSdeG.

En canto ao gasto en seguridade e orde pública, o estudo de OSUR indica que se situou o ano pasado en 62,99 euros/habitante, o que tamén supón un descenso de máis dun 2%, mentres que en transporte público se reduciu nun 2,4%, ao destinar a este capítulo 37,28 euros por habitante.

OUTROS CAPÍTULOS

No apartado de vivenda o gasto baixou un 13%, ao pasar de 26,38 euros por habitante a 22,93 euros en 2019, mentres que na área de información e promoción turística as partidas rebaixáronse nun 7%, ao pasar de 14,73 euros por habitante en 2018 a 13,68 euros.

En materia de promoción e fomento do deporte, OSUR sostén que o gasto pasou de 10,58 euros/habitante a 10,36 euros o pasado exercicio, mentres que en protección e mellora do medio ambiente, o goberno municipal investiu en 2019 case un 30% menos que o ano anterior, con só 5,17 euros por persoa.

Ante estas cifras, o director xeral de OSUR, Lorenzo Dávila, subliña que, "en termos xerais, a xestión dun concello non pode ser moi positiva se se reduciron as partidas orzamentarias dos servizos máis esenciais e básicos". "Sorprende que, sendo A Coruña a cidade galega con máis contaminación atmosférica, o goberno municipal, lonxe de aumentar a partida no medio ambiente, reduciuna", agrega.

Iluminación de Nadal na Coruña
Iluminación de Nadal na Coruña | Fonte: sientegalicia.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta