O xulgado nomea a administración concursal de Isidro 1952, pero a dirección négase a retirar o ERE

Desde a CIG critican que a empresa "se negou a retirar o expediente de extinción e a modificación substancial das condicións laborais e salariais".

Por Europa Press / Redacción | A CORUÑA | 30/01/2020 | Actualizada ás 18:25

Comparte esta noticia

O Xulgado do Mercantil número 1 da Coruña acaba de nomear á administración concursal que se encargará, se así o aceptan as persoas designadas, da xestión da pesqueira coruñesa Isidro 1952, segundo informa a CIG.

Protesta ante a sede de Isidro 1952 en Cambre
Protesta ante a sede de Isidro 1952 en Cambre | Fonte: CIG.

Respecto diso, explica que o comité tivo coñecemento deste nomeamento na reunión do período de consultas do ERE fixada para este xoves, "na que a dirección da empresa se negou a retirar o expediente de extinción e a modificación substancial das condicións laborais e salariais".

Ante esta situación, a central sindical explica que a representación social lembrou á dirección "que non procede manter estas medidas de recorte no contexto do concurso porque, ademais de deixar nunha indefensión absoluta as traballadoras e os traballadores, calquera decisión sobre o emprego, as condicións laborais ou a xestión económica da compañía ten que adoptarse coa aprobación da administración concursal".

"Non conforme con manter os despedimentos e a modificación, a dirección de Isidro 1952 pretendía reunirse novamente o venres co comité para pechar o período de consultas", explica. "Algo ao que a representación dos traballadores e traballadoras se opón pola súa inutilidade e pola imposibilidade de chegar a ningún tipo de acordo", recalca a central.

REUNIÓN COS ADMINISTRADORES

Tras o sucedido, a presidenta do comité de empresa, Olga Rodríguez, avanza que, en canto se confirme que os administradores concursais aceptan o nomeamento, solicitaranlles unha reunión de urxencia para abordar "cal é a situación real da empresa".

"Pór enriba da mesa un plan de viabilidade que garanta os postos de traballos e o mantemento da actividade, así como un calendario para o cobro dos salarios debidos", apostila.

Neste sentido, lembra que o persoal ten pendente de percibir "media mensualidade de novembro e todo decembro e en poucos días a esta débeda haberá que engadirlle a nómina de xaneiro".

Rodríguez precisa que tamén solicitarán unha reunión coa Xunta de Galicia "para implicala na busca dunha solución de futuro para a fábrica de Cambre, as piscifactorías e os criadeiros".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta