A pingueira de recortes ás escolas do rural non cesa

O proxecto educativo de Verducido, en Pontevedra, leva mantendo a matrícula dende hai 20 anos, porén, o cadro de persoal viuse reducido nos últimos tempos á par que sufriron unha serie de recortes que afectan á calidade do ensino. "Eliminan recursos co obxectivo de facer desaparecer unha escola rural máis", sentenzan.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2020 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

A comunidade escolar do E.E.I. de Verducido esixe recuperar a segunda mestra de infantil e solicita á Consellería de Educación que a escola restableza a súa denominación orixinal como Centro de Educación Infantil e Primaria, nome que levou ata o ano 2004. 

Alumnado da EEI de Verducido, nunha sesión de contacontos na que participan nais e pais
Alumnado da EEI de Verducido, nunha sesión de contacontos na que participan nais e pais | Fonte: Cedida

Dende a escola desta localidade pontevedresa afirman que para unha matrícula de en torno a 30 crianzas - con mínimos puntuais de 23 e máximos de 37 -, o profesorado sempre se mantivo con dúas mestras de infantil e outra para os dous cursos de primaria. Con todo, dende o ano 2004 a escola a comunidade educativa vén sufrindo recortes que afectan á funcionalidade normal do centro. "Comezaron suprimindo a profesora de inglés que compartiamos con outro colexio", relata Áurea Goitia, nai dunha cativa de Verducido. 

Nese ano, tamén o colexio mudou o seu nome: de Centro de Educación Infantil e Primaria a Escola de Ensinanza Infantil con suplemento de primaria. No fondo non cambiaba nada, aseguran, mais co tempo decaráronse das "verdadeiras intencións": "Cambiar o nome para, despois, ir eliminando recursos co único obxectivo de facer desaparecer unha escola rural máis". 

"CASTIGAR A ESCOLA PÚBLICA E RURAL"

Deste xeito, nos ultimos anos, a comunidade educativo opúxose aos recortes que se foron sucedendo. "A indignación subiu cando se comunicou a supresión dunha das aulas de infantil", unha das dúas prazas fixas de mestra, relatan dende a ANPA. Alegouse baixada de natalidade, mais os datos que manexan na escola ratifican que a matrícula segue na media dos últimos 17 anos. "Isto fainos pensar que é unha medida totalmente arbitraria e con intención de castigar a escola pública e rural". 

O patio da EEI de Verducido conta cunha horta ecolóxica que xestionan as familias xunto as mestras
O patio da EEI de Verducido conta cunha horta ecolóxica que xestionan as familias xunto as mestras | Fonte: Cedida

"A escola, sen esa praza, perde parte desa calidade que os pais sabiamos que tiña", comenta Goitia. E ademais, a comunidade escolar de Verducido lembra que o Consello Escolar do Estado indica que non se debe suprimir ningunha aula de escolas rurais que teña un mínimo de 8 alumnos. A súa vez, a ratio media das escolas públicas galegas é de 9.8 alumnos por cada docente (dato do curso 2015‐2016), superada na escola de Verducido no caso de ter 3 mestras.

En todo caso, consideran "excesivo" tomar unha medida estrutural fronte unha baixada puntual, de maneira que están convencidos de que a intención non era outra que a de precarizar a actividade do centro co obxectivo final de pechalo. Máis aínda ao teren que realizar as dúas mestras que quedan na escola outras tarefas organizativas e administrativas: dirección do centro, xefatura de estudos, atención á diversidade, conserxería, administración, consello escolar...

MANIFESTACIÓNS E ESCRITOS

Esta supresión foi contestada en Verducido con manifestacións e escritos á xefatura territorial de Educación, que segundo indican dende a ANPA, se negou a reunirse e deu "escusas infundadas". "Medio nos chegou a dicir que nos estaba perdoando a vida, e para nada, estanos castigando ano tras ano", sentenza Goitia. Namentres, os recortes vanse facendo notar no día a día do centro. Sofren dificultades para levar adiante o proxecto educativo, referente no concello, e a actividade diaria. "O apoio das profesoras de inglés, audición e linguaxe e PT axudan pero non suplen a falta da terceira profesora", indican.

Por todo isto, veñen de solicitar formalmente á Consellería de Educación a recatalogación da escola como CEIP. Esta medida vai encamiñada a recoñecer polo menos dúas prazas de profesorado fixas para recuperar a segunda unidade de infantil e permitir dar continuidade ao seu proxecto educativo. "Os pais estamos indignados e enfadados co mundo. Non entendemos que gaña a xefatura territorial con isto... A resposta suponse que é calar, pero nós aínda estamos por patalexar", di Áurea contundente. "Eu sempre vou seguir loitando por este proxecto".

Dende a escola de Verducido aseguran que "están orgullosos" de todos estes anos que levan resistindo e protestando pola supervivencia da escola, "unha escola que vai máis alá das paredes do centro e se mestura coa vida do rural". Unha escola que, indican, permite que a educación destas etapas iniciais se traballen valores e coñecementos do medio rural e da natureza a través dun asentado proxecto educativo. Unha escola que, ademais, está atraendo familias de fóra da parroquia, descargando as "saturadas aulas do centro urbano" e dinamizando o rural.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta