Unha área de 10.000 habitantes entre Corcubión e Cee queda sen pediatra tras marchar a que había a Verín

A marcha desta profesional deixa un buraco nun servizo que xa é moi deficiente na Costa da Morte que negan desde o Sergas. Sanidade di que xa hai un profesional para cubrir esa praza.

Por Galicia Confidencial | Corcubión | 30/01/2020 | Actualizada ás 21:00

Comparte esta noticia

A solución para a falta de pediatras en Verín afecta, e de cheo, á comarca da Costa da Morte, que tamén está sufrindo a falta de pediatras. Así, a oferta de dúas prazas de pediatría convocadas polo Sergas para o Hospital de Verín non está sendo cuberta por novos pediatras, senón por profesionais en activo que marchan a Ourense cunhas mellores condicións que nos seus postos actuais.

Imaxe dunha concentración comarcal polo carente servizo de Pediatra en Dumbría, na Costa da Morte
Imaxe dunha concentración comarcal polo carente servizo de Pediatra en Dumbría, na Costa da Morte | Fonte: QPC

Iso é o que acontece coa única pediatra que atendía a comarca de Cee e Corcubión, unha área de 10.000 habitantes que queda, agora, sen pediatra. E iso, cando por poboación, a esta zona corresponderialle dous profesionais, e non un, como ata agora. A profesional decidiu marchar, de xeito voluntario, para acollerse a nova praza de Verín na que comeza o vindeiro luns.

De feito, a falta de pediatras na Costa da Morte ameaza con grandes protestas, tal e como tamén aconteceu en Verín, e está acontecendo noutras zonas do interior de Galicia. Dumbría ten pediatra só dous días á semana, Muxía tres días, Corcubión compartía ata agora con Cee, a Picota ten un día á semana, as crianzas de Zás teñen que desprazarse a Vimianzo que ten que atender á zona de Vimianzo e Zás e en Fisterra están sen pediatría desde o 19 de xaneiro até o 19 de febreiro por vacacións do titular que non foi substituído.

Fontes do Sergas consultadas por GC din a xerencia da área sanitaria da Coruña xa conta cun profesional para cubrir a vacante de Cee-Corcubión e nega que a esta zona lle correspondan dous pediatras.

Esta situación chegou xa ao Parlamento galego. Tanto o PSdeG, coma o BNG presentaron xa distintas iniciativas a este respecto. Os socialistas piden mellorar as condicións laborais dos profesionais de atención pediátrica en Galicia, establecer un plan especial de contratación de pediatras 2018 – 2020 ou negociar co Goberno de España o aumento de prazas formativas en pediatría, e dotar dos recursos necesarios aos centros sanitarios e facultade de medicina da USC para que exista posibilidade de dar cobertura correcta a ese aumento.

Os nacionalistas denuncian a “asificación de consultas, cupos desbordados, redución de profesionais, non substitución, as listas de espera dunha semana, 10 días para o médico de familia, peche de axendas, saturacións, profesionais que ao ter que acudir a algunha urxencia teñen que deixar as súas consultas abandonadas durante horas, PACs ao limite…”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta