O PPdeG reitera que non adiantará as eleccións e no PSdeG din estar "preparados para xubilar politicamente" a Feijóo

O secretario xeral dos populares, Miguel Tellado, reafirma que os comicios "tocan tras o verán, en setembro". O líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, reta ao presidente galego a "convocalas cando queira".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2020 | Actualizada ás 15:46

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, reafirmouse este venres en que as eleccións autonómicas "tocan tras o verán, en setembro" e engadiu que "o calendario" que manexan os populares é o de "traballar, traballar e traballar" por Galicia "ata o último día da lexislatura".

"O noso calendario é seguir traballando para que en Galicia a campaña só dure 15 días", esgrimiu Tellado, quen se remitiu ao escenario estatal, convencido de que os españois o que queren é que o Goberno "goberne". "En Galicia conseguímolo dez anos e pretendemos seguir facéndoo en 2020", remarcou.

Alberto Núñez Feijóo
Alberto Núñez Feijóo | Fonte: Xunta.

"Queremos garantir que hai un Goberno que se levanta ben cedo para gobernar con certidumbre e estabilidade nesta España de Sánchez da inestabilidade brutal", asegurou Tellado, quen o exemplificou coa demanda dos 200 millóns do IVE.

Así, pediu ao Goberno central que actúe "con lealdade". "Xa acabou a campaña, agora toca gobernar e resolver os problemas que crearon os propios socialistas, como a débeda. Que non poña en perigo os servizos públicos, a estabilidade financeira nin o emprego industrial en Galicia", pediu a Sánchez.

Sobre os últimos datos do Centro de Investigacións Sociolóxicas (CIS), segundo os que o PSOE ampliaría o seu apoio en Galicia tras a formación de Goberno, Tellado puxo en dúbida a súa credibilidade.

"A enquisa do CIS de (José Félix) Tezanos defínese por si soa. Non participarei na estratexia do PSOE, se os socialistas están contentos coa súa situación, encantados da vida, mellor para todos", remarcou o dirixente popular.

"Se Tezanos quere seguir desprestixiando o CIS, que dicir? Que adiante. É unha enquisa cuestionada por todos os profesionais que se dedican á socioloxía no noso país, pero se Gonzalo Caballero está contento, eu tamén", concluíu, convencido de que "moitos cidadáns" non están satisfeitos con que o PSOE "pactase con quen dixo que non o faría".

GONZALO CABALLERO

Pola súa banda, o líder do PSdeG, Gonzalo Caballero, retou este venres ao presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, a "convocar cando queira" as eleccións. "Que convoque cando queira, estamos preparados para xubilalo politicamente", aseverou.

Así o trasladou en Verín, tras ser preguntado acerca dun hipotético adianto electoral ante os pasos dados en Cataluña, onde se convocan comicios.

"Estamos preparados para que, cando haxa eleccións, unha maioría de progreso saque a Feijóo da Xunta. Estamos fartos xa do facherío da dereita, do retroceso en servizos públicos e sanidade, e imos liquidar a Feijóo electoralmente, democraticamente, cunha maioría de país que quere unha Galicia nova, forte e que aposte por un novo tempo político", resolveu.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta