Os dirixentes do PP de Pontevedra, contra a modificación da Lei de Costas que prepara o Goberno central

Solicitan ao Ministerio de Transición Ecolóxica que lles aclare "por escrito" en que liña irá a modificación do regulamento.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 31/01/2020 | Actualizada ás 16:32

Comparte esta noticia

Os alcaldes e portavoces do Partido de Popular na provincia de Pontevedra solicitaron ao Ministerio de Transición Ecolóxica que lles aclare "por escrito" en que liña irá a modificación do regulamento da Lei de Costas que ten pensado acometer.

Dirixentes do Partido Popular da provincia de Pontevedra en Vilagarcía.
Dirixentes do Partido Popular da provincia de Pontevedra en Vilagarcía. | Fonte: Europa Press

Os populares consideran que o borrador presentado polo Goberno de España "pon en perigo e en xaque a estabilidade de moitísimas industrias e empresas que dependen exclusivamente da prórroga dunha concesión, que ata agora a Lei de Costas concedía con total criterio e normalidade e que agora, segundo os primeiros avances, xa está a xerar incerteza".

Ante a que consideran máis que posible modificación da Lei de Costas os dirixentes populares pontevedreses quixeron manifestar a súa "intranquilidade" reuníndose en Vilagarcía de Arousa. Ao encontro acudiron os alcaldes ou portavoces municipais populares de Vigo, Marín, Redondela, Sanxenxo, Oia, Baiona, Vilaboa, Poio, Bueu, Vilagarcía, Cambados, O Grove, Vilanova, A Illa, Moaña, A Guarda e Soutomaior.

POSTOS DE TRABALLO EN XOGO

Para a alcaldesa de Marín e deputada no Congreso, María Ramallo, a modificación prevista da Lei de Costas "vai afectar a un sector como o relacionado co mar que en Galicia ten unha forte carga social e no que hai moitos postos de traballo en xogo".

Os populares pontevedreses consideran que as principais incertezas que xera o borrador da modificación da Lei é saber como se contan os prazos das prórrogas das concesións administrativas. "Por casos como o que se deu en Cee estamos a comprobar que parece que hai un cambio de criterio á hora de outorgar esas concesións", sinalou María Ramallo.

A alcaldesa e deputada incidiu, ademais, no feito de que se as empresas non poden contar cun prazo amplo de concesión tampouco van poder facer plans de investimentos a medio ou longo prazo. "Neste tema non podemos estar a cambiar as regras do xogo cada ano nin cada dous anos. O mundo empresarial necesita ser capaz de saber se vai contar cunha estabilidade", abundou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta