Forzas políticas propias e memoria histórica

Hai corenta anos, a aínda incipiente esquerda nacionalista galega na clandestinidade atravesou un momento crucial que estivo a piques de lle costar a supervivencia. A FECO, Federación de Comunistas de Madrid, antecedente do MCE, intentou, con algún apoio dende dentro, apoderarse da UPG, e só a decidida reacción dun activo sector da militancia impediu a desaparición da organización.

Por H.Harguindey | O Morrazo | 21/09/2012

Comparte esta noticia

Pero non sucedeu só neste grupo : tamén o PSG viviría tensións entre os que querían sumilo nun aparato estatal e os que  mantiñan a necesidade de forzas políticas propias para a nosa Nación.

 
A trécola ven de vello. PSG e UPG significaron a autoorganización política do pobo galego nos anos 1960 fronte a aqueles que sostiñan que o inimigo común esixía organizacións estatais. Naturalmente, dirixidas dende Madrid ou só baixo teóricas federacións que relegaban á  categoría de anécdota os dereitos nacionais dos pobos do Estado. « Os obreiros non teñen patria» dicíase como gran argumento dende o PCE fronte ao xermolar político e sindical galego. Aínda que normalmente o que dicían era « Los obreros no tienen patria ». Polo que se ve, nin patria nin mesmo lingua.
 
Con todo, a firmeza na nosa construción nacional obrigou anos despois a crear o PCG, federación galega do PCE, tal como na actualidade Esquerda Unida é a federación galega de Izquierda Unida.
 
Resulta irónico que destacados galegos que participaron dun xeito rotundo e inequívoco naquela autoorganización  dos anos 60 sexan agora valedores dun novo intento da esquerda estatal. Disque « por riba da cuestión nacional está o problema de clase ».
 
Porque –iso díxoo claramente  aquel partido– o que se pretende non é repañar votos  -que seica lle sobran para ter representación parlamentaria en por el. « Non se trata –di- dunha simple coalición electoral » o que se quere é artellar « un proxecto de longo percorrido ». Un dirixente foi ben máis explícito, por se había algunha dúbida: « Coa situación do país non valen paraugas nacionalistas. O nacionalismo pode ser un adxectivo, pero o substantivo ten que ser a esquerda ».
 
A vella trampa de sempre : tedes que escoller, non podedes ser as dúas cousas a un tempo. Seica eles non levan paraugas ? Serán de ningures pero os representantes que mandan veñen directamente de Madrid.
 
Eu, o que sei é que se me cortan unha das metades do meu corpo, morro. Igual é do que se trata.
 
E é ben curioso porque obxectivos como a liberación nacional e social non son  desvaríos dos « nacionalistas » senón corolarios da análise marxista. Nun folleto que teño diante fálase a propósito dos « pobos oprimidos de España », de « obteren a súa liberación nacional e social ». Son frases fortes como « o xugo dos imperialistas de Madrid sobre o pobo oprimido de Cataluña » ou « os movementos de liberación nacional dos pobos oprimidos en Cataluña, no País Basco e en Galiza ».
Trátase dun chamamento « Aos obreiros socialistas, comunistas, anarquistas e sindicalistas de España, de Cataluña, do País Basco, de Galiza e de Marrocos ». Vai refrendado por representantes dos comités centrais dos partidos  comunistas de España, Francia e Italia e está publicado no boletín da Internacional Comunista do 20 de maio de 1935 (a miña é a edición en francés).
 
Un mes despois -en xuño do mesmo ano-  creábase o Partido Comunista de Euskadi, partido independente –aínda que fraterno- do Partido Comunista de España. Claro que –como analiza o marxista basco Iñaki Gil de San Vicente- axiña perdería esa independencia e pasaría a ser « o partido en Euskadi ».
 
O 14 de xullo de 2012 un amplo grupo de homes e mulleres confluímos nun proxecto en marcha para a creación dun referente da esquerda transformadora galega, un proxecto de longo percorrido que impida a salvaxe explotación das maiorías sociais polo voraz buraco negro do capitalismo. E ese proxecto segue a ser necesario. Por suposto que nel teñen cabida –sen exclusións-  compañeiras e compañeiros non menos galegos e de esquerdas que nós aínda que na actualidade militen en organizacións estatais. 
Pero, por suposto  tamén, nunha organización totalmente soberana.
Porque non se trata de cuestións semánticas secundarias.
Resulta incomprensíbel que se acepte ese principio para Cataluña (caso de Iniciativa per Catalunya) e para Galiza non.
E o que é máis incomprensíbel: como é que persoas e grupos que practican a autoorganización e se proclaman mesmo independentistas se prestan a entrar nesa manobra?
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA