O BNG non acudirá ao acto no que Felipe VI abrirá a lexislatura "porque a monarquía non casa cun sistema democrático"

"Aquí o xefe do Estado é hereditario e vitalicio pola graza de Franco", di o deputado Néstor Rego.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 01/02/2020 | Actualizada ás 14:57

Comparte esta noticia

O deputado do BNG no Congreso, Néstor Rego, explicou que o seu partido non estará presente o luns no acto institucional co que o rei Felipe VI abrirá a actual lexislatura "por unha cuestión elemental de defensa da democracia".

O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, intervén desde a tribuna do Congreso dos Deputados
O deputado do Bloque Nacionalista Galego (BNG), Néstor Rego, intervén desde a tribuna do Congreso dos Deputados | Fonte: Europa Press.

O deputado nacionalista afirmou que "a monarquía é unha institución anacrónica que non casa cun sistema democrático". "Aquí o xefe do Estado é hereditario e vitalicio pola graza de Franco", resolveu.

En opinión de Néstor Rego, se se pretende defender "a verdadeira democracia" hai "que mudar este modelo de Estado monárquico".

A maiores, o deputado nacionalista sostivo que "o actual Borbón reinante destacouse por unha posición belixerante" contra os dereitos "colectivos dos pobos", "especialmente contra o dereito de autodeterminación", indicou. "Un dereito fundamental, no noso caso, para dar un paso no sentido de que Galicia poida decidir por si mesma e de maneira soberana sobre os seus asuntos, que é a premisa para poder avanzar en democracia, dereito e benestar", engadiu.

Rego incidiu tamén en que a apertura da lexislatura é un acto meramente protocolario que non ten ningunha funcionalidade parlamentaria. "Está pensado para maior gloria do Borbón. Loxicamente o BNG non se vai prestar a iso", finalizou.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta