Exculpatio a Piñeiro

Se tivera que definir o nosa década, definiríaa como a década do youtube. Cando alguén quere saber máis sobre un tema acode pronto ao youtube, tanto ten se o obxecto da investigación é un filósofo ou un concepto médico, unha dúbida económica ou un está aburrido e quere matar as horas. Youtube é un verdadeiro mundo social virtual, no que a xente volca contido de toda forma e tipo. Dende os youtubers de hoxe aos vellos arquivos históricos, en forma de video que son proba gráfica do devalar dos tempos e das xentes.

Por Serxio María | Santiago de Compostela | 06/02/2020

Comparte esta noticia

Hai uns días atopeime neste submundo social chamado youtube  unha entrevista do 2000, baixo o formato que organizaba a TVG, cando aínda era unha canle pública e polo tanto de tódolos galegos, baixo o formato de tertulia. O programa entitulábase "A Chave", e nel interviñan o histórico galeguista Benxamín Casal, o enorme narrador galego Carlos Casares (só dous anos antes do seu fatídico falecemento), o catedrático da miña facultade prof. Vilas Nogueiras e o coñecido representante da ala galeguista do PSdeG, Ceferino Díaz.

Filgueira Valverde (dereita), xunto a Del Riego e Piñeiro
Filgueira Valverde (dereita), xunto a Del Riego e Piñeiro

Tódolos homes que partillban taboa, caracterizabanse por ter coñecido e departido co histórico Ramón Piñeiro. Nome este odiado por uns, admirado por outros, e observado por min mesmo con certo escepticismo, antes de escoitar a tertulia en cuestión.

A Ramón Piñeiro ténselle acusado repetidas veces, dende certos ambientes políticos, un certo afán traidor. E esa conducta traizoeira tense asociado xeneralmente a negativa do ilustre Piñeiro, a partillar equipo de traballo co sector do nacionalismo galego, que nos anos sesenta e setenta entendeu que a causa nacional galega, non se podía entender se está non levaba necesariamente a constitución dun Estado soberano e socialista (que non socialdemócrata).

Quero nestar liñas facer unha enmenda aos críticos a figura de Piñeiro, porque penso que ben o merece. Piñeiro é antes de nada un galeguista, porque entendía que Galicia era unha nación, unha sociedade distinta, pero existente no mundo e polo tanto unha sociedade aberta e europea. Piñeiro ávido leitor, e gran analista da realidade do seu tempo, soubo ver antes que os eminentes mozos de complexo edípico, que naquela altura estaban a tramar os prolegómenos do "movemento nacional-popular galego"que o Estado-Nación estaba entrando nunha crise, que aínda hoxe padece. E soubo ver tamén que España ficaba pequena para Galicia, e que Galicia tiña que xogar como en Europa, pero sobre todo en Europa.

Asistimos pois a unha contradicción previa entre realismo e idealismo. O idealismo dun grupo de mozos dispostos a comerse o mundo, todos eles adoutrinados e macerados nas follas saídas das imprentas de Galaxia. E o realismo dun grupo de homes máis senior, e polo tanto experimentados que dende o realismo pretendían facer o país cos vímbios dispoñíbeis.

Estes mozos con ousadía acusaban aos seus predecesores a terríbel feitoría de téren sepultado ao glorioso Partido Galeguista. Eles víano como unha verdadeira forza movilizadora das clases populares galegas, que en mítins multitudinarios, baixo a florida verba de Castelao, alumeaba as conciencias dos homes do mar e do campo. Fermosa figuración que máis dun galeguista de onte e de hoxe teremos experimentado no trance da leitura do Sempre en Galiza, ou mesmo nas aulas de literatura galega cando se chegaba a ver a histórica Xeración Nós.

A realidade era outra, e os vellos sabiano ben. O Partido Galeguista era un partido de cadros, moi ilustrados, pertencentes as codias máis elevadas da estructura social, un verdadeiro partido de ilustres e abofé que o eran. Homes e mulleres (máis dos primeiros) que eran conscientes da situación de aldraxe do país, porque tiñan recursos e tempo para ser conscientes delo. Un partido dependente do inmediato ambiente político da República, cun voto moi pouco fidelizado e unha capilarización social case inexistente.

O Partido de Otero Pedrayo, de Castelao, de Bóveda, foi tamén o partido de Piñeiro, pero de poucos homes e mulleres máis. Compre pois deixar dunha vez por todas de lado o mito do PG como partido de masas, das clases populares, que tan útil lle foi ao nacionalismo dos anos 60 para xustificar a súa visión reformada do galeguismo, mirando agora cara o sur.

E digo mirando cara o sur, porque o novo nacionalismo dos anos 60, 70, 80 e poderiamos dicir o que chega aos nosos días, é fillo das teorías marxistas que prenderon con forza nos mozos do Consello da Mocidade, que logo fundaron a UPG. E  mesmo nun sector dos que logo serían o nucleo dirixente do BNG, e que naquela altura estaban no PSG.

Ese nacionalismo miraba ao sur, concretamente cara as teorías emancipatorias de corte marxista e popular-anticolonial, que serviron como cimento aos teóricos anticoloniais de Arxelia e outras excolonias francesas e inglesas.

Este novo nacionalismo, revelábase de maneira edípica contra dúas formas de entender o movemento galeguista. Dunha banda, a visión xermánica do nacionalismo risquiano, hexemónico na II República, e doutra banda o novo nacionalismo eurófilo que propugna Piñeiro e o grupo de Galaxia.

Este último ten sido tantas veces analizado dende o dogma e a convicción militante, que a seu reflexo resulta hoxe demasiado vago e impreciso a par que distante. Piñeiro entendía primeiramente que a nación non era un feito excluínte, e que polo tanto Galicia non se podía entender sen o inmediato ámbito dos pobos peninsulares e europeos. Nesa medida, Piñeiro defendía unha plena inclusión política de Galicia nas dinámicas políticas e sociais europeas. Deste xeito, a formulación política, non podía se non, pasar por un sistema de partidos propios do país, que ocuparan o espectro político “normal” que se consolidara no resto de nación de Europa ao longo do século XX.

A idea de Piñeiro de ter partidos galegos, chocaba logo, frontalmente coa idea dos máis mozos que arelaban unha fronte nacional-popular única de corte socialista e patriótica a imaxe e semellanza doutros movementos de corte comunista e socialista, que levaran aos seus países cara a emancipación.

Vemos pois como ambas formulacións, aínda que opostas, son coherentemente galeguistas, pois encaixan perfeitamente na idea de doutar ao pobo galego de ferramentas de seu, para se autogobernaren. O confronto, xorde no momento en que ambas formas de entender o galeguismo, tentan plasmar na praxe as súas formulacións.

Ambos danse conta de que a súa limitación numérica, traduciríase nunha limitación da capacidade do país para doutarse de institucións políticas e autogoberno real na nova etapa de Transición.

A solución “piñeirista” tantas veces criticada, non só foi intelixente, se non que foi a única posíbel.
Tense dito, ousadamente na miña opinión, que Piñeiro colou nacionalistas en todas as forzas etatais ( Fernández Albor en AP, Benxamín Casal, Carlos Casares no PSdeG…), o único caso no que se observa unha capilarización galeguista digna de mención é o PSdeG que experimenta unha “galeguización” notábel coa incorporación do Colectivo Socialista-PSG, entre os que figuran o histórico Ceferino Díaz, Miguel Barros ou incluso o presidente Laxe entre outros. Sendo o resto de procesos de galeguización puramente anecdóticos e non transcender a mera estratexia eleitoral ou discursiva.

Por outra banda, o fracaso notorio da estratexia do nacionalismo “popular-marxista” da UPG de non participar no proceso de construcción do autogoberno galego, demostra que a súa aposta non supuxo un avance notábel na consolidación do país e do seu autogoberno. Transcendendo só esta situación no momento en que a fronte nacionalista capitaneada pola UPG, se avén a integrar outras sensibilidades. Bos exemplos disto, son o sector do PSG que non se integra no PSdeG-PSOE capitaneado por un Beiras bastante receloso dun PSOE que non lle ofrece a posición que el entende que merece (como el mesmo ten lembrado en tantas entrevistas).  E outras sensibilidades minoritarias como a Esquerda Galega de Camilo Nogueira a comezos dos 90, ou o eternamente moribundo nacionalismo liberal, representado a finais dos 80 polo dezmado PNG-PG de Rodríguez Peña.

Vemos pois como Youtube, na súa década, nos permite pasar a horas navegando entre o que puido ser e non foi. Pero sobre todo pódenos tamén axudar a entender que Galicia existe por si mesma na realidade, e esta agardando a que pasemos da virtualidade do youtube e os debates interminábeis ao pragmatismo das institucións, como propuxera Piñeiro.
Agora é responsabilidade do leitor, xulgar a memoria e a obra de don Ramón Piñeiro.
Quixen con estas liñas deixar clara unha idea, Deus é bo, e Piñeiro non é malo.
 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Serxio María Rodríguez Naceu en Ourense hai 22 anos. Actualmente estuda Dereito e Ciencias Políticas na USC. Interesado nos eidos da Teoría Política, os sistemas de partidos e o dereito constitucional, así como os distintos procesos políticos que ocorren en todo o mundo e especialmente en Galicia e Europa. Identificado cunha liña de pensamento galeguista, foi fundador en 2018 da asociación de estudantes Irmandade Galega Universitaria, de orientación nacionalista, da que actualmente é vicepresidente e representante no claustro da USC.