Os concellos esixen á Xunta "as mesmas condicións" para as gardarías municipais que as autonómicas

A Xunta estudará as demandas da Federación Galega de Municipios e Provincias "con atención", pero non percibe que se xere unha situación de desigualdade.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 03/02/2020 | Actualizada ás 16:15

Comparte esta noticia

A Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp) remitiu á Xunta unha carta na que formula varias peticións relacionadas coas axudas á escolarización de nenos de 0 a 3 anos. A Fegamp lembra que a lei de medidas fiscais e administrativas aprobada o pasado 23 de decembro recolle os requisitos para a gratuidade das gardarías en Galicia a partir do segundo fillo e incide en que, no caso dos centros de titularidade municipal, contempla compensar aos concellos que ofrezan dita bonificación, fixando as contías "segundo as tarifas aplicadas nas autonómicas".

Gardaría
Gardaría | Fonte: Xunta.

A Fegamp teme que esta disposición "dea lugar a desigualdades entre municipios con gardarías autonómicas e municipios con gardarías dependentes do concello", podendo darse "esta disparidade de dereitos ata entre veciños dunha mesma localidade con centros de ambos os tipos".

Así as cousas, no seu escrito expón varias peticións á Xunta, empezando por demandar que a gratuidade a partir do segundo fillo "sexa financiada pola Xunta para todas as escolas de entre 0 e 3 anos municipais e nas mesmas condicións".

Tamén reivindica que todo o proceso "se faga simultaneamente", é dicir, que se aplique a medida "en todo tipo de escolas de entre 0 e 3 anos ao mesmo tempo", e que se consensúen os prezos de compensación xa que "hai escolas municipais que prestan máis servizos que os catalogados pola Xunta".

A federación municipalista confía en que a Xunta terá en conta ditas peticións e ponse á súa disposición para "acordar a mellor implantación posible desta medida", así como para "coordinar a colaboración xeral dos concellos coa Administración autonómica".

RESPOSTA DA XUNTA

Fontes da Consellería de Política Social aseguraron que estudarán "con atención" as peticións que formula a Fegamp, xa que acaban de recibir o escrito, pero non perciben que se xere unha situación de desigualdade.

Así, lembran que a lei de medidas xa fixaba as condicións da aplicación desta iniciativa, incluída a achega de fondos para que as gardarías municipais puidesen introducir a gratuidade a partir do segundo fillo desde o próximo curso. A condición prefixada pola Xunta, segundo se informou no seu día, era que o municipio non tivese débedas co Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar relativas "ao deber de cofinanciar as escolas infantís e centros de día".

Neste punto, as fontes consultadas inciden en que ningún grupo da oposición alegou a este punto da norma durante a tramitación da lei; e tamén subliña que se expuxo o prazo do próximo curso para "facilitar as cousas" aos municipios e que tivesen máis tempo para adecuar as súas ordenanzas relativas aos prezos.

Finalmente, subliñan que, en todo caso, se algún concello quere, pola súa banda, adiantar a medida, o Executivo galego non porá impedimento algún.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta