(fotos) Así foi a reapertura do paridoiro, unha vitoria colectiva do pobo de Verín e toda a comarca de Monterrei

Esta é a crónica dun momento que agardaban centos de veciños tras meses de loita e protesta. Unha loita que deu finalmente os seus froitos e que provocou a rectificación de Feijóo, algo moi difícil de ver nos seus máis de dez anos de mandato absoluto. Remata o peche, pero nos as reclamacións. Manuel, o boneco de papel símbolo da protesta, retírase a descansar, pero non se xubila, non vaia a ser que haxa que volver saír á rúa.

Por Galicia Confidencial | Verín | 03/02/2020 | Actualizada ás 21:54

Comparte esta noticia

Pouco antes das oito da mañá, Guillermina Agulla, a directora do Hospital de Verín, acendía as luces dalgún dos corredores do hospital. Faino de maneira habitual. É unha das máis puntuais. Hoxe, ademais, acompañáballe unha muller case tan miúda como ela, tamén con lentes e cunha discreta coleta, pediatra até hai uns días en Corcubión e Cee, comarca que abandonou por acollerse á interinidade que ofrecía o Sergas en Verín. 

Os últimos integrantes do peche diante das portas do hospital de Verín, pouco antes de abandonar as súas posicións | FOTO: Xosé Lois Colmenero.
Os últimos integrantes do peche diante das portas do hospital de Verín, pouco antes de abandonar as súas posicións | FOTO: Xosé Lois Colmenero.

Chegaron ambas, vestidas de branco, e aos integrantes do peche no hospital de Verín non fixo falta advertirlles de que a súa concentración, como así prometeran, chegaba ao seu fin. Pouco antes das oito e media da mañá, a maior parte da cartelaría que adornaba o corredor inmediatamente anterior ao despacho da directora de Distrito comezaba a desaparecer. Os membros do peche lucían perfectamente uniformados coa exitosa camisola do VerínNonSePecha. Destacaban do resto un garda de seguridade -todo de azul-, un camarógrafo de La Voz de Galicia e o xornalista do Diario do Támega.

Un xornalista ao que, a diferencia doutros presentes, tentou botar do hospital a dirección por conseguir a foto do día, do ano, da década en Verin e da desgraza para Feijóo, a do seu conselleiro de Sanidade e o golfiño aos mandos da Xerencia en Ourense, Félix Rubial. De feito, e aínda que foron avisadas as forzas de seguridade do Estado, a foto e a crónica non tiveron problema en facerse. A Garda Civil, que tiña outros temas máis importantes dos que ocuparse, chegou como dúas horas despois.

INTENTOS DE CENSURA INFORMATIVA

Insistía Matías, o garda de seguridade, seguindo ordes da dirección do centro hospitalario, que nese lugar, isto é, no interior do hospital, non se podían sacar fotografías nin tomar vídeos. A prohibición era extensiva a todos os medios, fóra da xornalista da TVG, o seu cámara e un locutor da Radio Galega, que si foron recibidos por Guillermina Agulla no seu habilitado despacho na biblioteca do centro. 

Membros dos veciños que se pecharon no hospital de Verin ante a última foto no seu campamento base | FOTO: Xosé Lois Colmenero
Membros dos veciños que se pecharon no hospital de Verin ante a última foto no seu campamento base | FOTO: Xosé Lois Colmenero

En pouco máis dunha hora, sobre as 9:15 horas, o corredor que fora o tormento de Miguel Abad nos poucos días que resistiu o envite até dimitir, e que Guillermina non chegou a pisar porque acabou instalando o seu centro de operacións na biblioteca; recuperaba a súa imaxe previa a aquel 2 de decembro de 2019, data na que se instalaba o campamento base dos exércitos pacíficos do pobo de Verín e a súa comarca.

A 20 minutos para as dez da mañá, Rosa Eva Fernández, presidenta da Comisión Delegada do centro entregaba as chaves dun dos despachos que utilizaran como minúscula cidade dormitorio. Os seus efectivos, preto do medio centenar, pousaban antes para a foto final, a última do último dos días de peche, despois de alcanzar a súa pretensión, a de reabrir o paritorio. A medida que comezaban a desaloxar o corredor, algúns deles interceptaban á xerente e á nova facultativa de pediatría para darlles persoalmente as grazas polas xestións que a primeira realizou para conseguir que a segunda aceptase ocupar o posto de pediatra do hospital. 

MANUEL, O SÍMBOLO DE CARTÓN DAS REIVINDICACIONS

Un dos últimos en saír foi Manuel, o ancián de cartón que xa se converteu nun símbolo da loita que os veciños de Verín e a súa comarca emprenderon para recuperar un servizo que sempre consideraron imprescindible para conter a sangría económica na que se acha. 

Co boneco apostado nunha das columnas exteriores, sen apearse da cadeira que lle acompañou os últimos 63 días, chegaba o momento da celebración da vitoria e da súa exposición ao mundo. As principais cadeas de televisión estatais, ou ben emitiron en directo ou realizaron tomas coas declaracións dos principais implicados na consecución do obxectivo, por esta orde; o pobo -cantando un adaptado o "Resistiré" do Dúo Dinámico-, o xefe do Servizo de Xinecoloxía do hospital de Verín, Javier Castrillo; Rosa Eva Fernández, presidenta da Comisión Delegada de centro, e Aurora Soa, a portavoz da Plataforma en Defensa da Sanidade Pública da comarca de Monterrei

Tamén eles agradeceron o esforzo, o tesón e o apoio de todo un pobo, pediron a dimisión de Rubial e lanzaron, no caso de Javier Castrillo, unha clara mensaxe: "O dano que nos fixeron como profesionais é irreparable, ponnos agora aos pés dos cabalos e déixanos moito máis vulnerables ante calquera posible reclamación no caso de que cometamos algún erro. Estou a esperar a que nos mostren eses informes e os datos estatísticos nos que fundamentaron a decisión do peche, porque eu non os coñezo", asegurou o médico.

FUTUROS SERVIZOS

"Imos implantar xa unha consulta de Pediatría que antes non tiñamos e a poder atender as urxencias pediátricas", sinalaba na mañá deste luns Guillermina Agulla, despois de mostrarse satisfeita por lograr que o centro que dirixe recuperase a normalidade no seu funcionamento. "As urxencias serán atendidas tamén durante a noite e imos abrir durante a próxima semana as consultas de Pediatría, ademais de ter xa en marcha a de neonatos, na que se lle pasa revisión ao bebé desde o momento do nacemento", explicou .

No futuro, a intención da Dirección do centro hospitalario de Verín pasa por "captar un pediatra máis e que este hospital conte realmente cun Servizo de Pediatría", anunciou Agulla. "Despois da apertura do paritorio e de volver á realidade, cousa que nos ten realmente moi contentos, quédanos traballar intensamente noutros campos que temos que ir mellorando e potenciando neste hospital", concluíu.

Crónica de Xosé Lois Colmenero do medio colaborador Diario do Támega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta