Galicia perde afiliados á Seguridade Social cun ritmo de caída maior ca no Estado

En toda España, a afiliación rexistra o seu peor xaneiro desde 2013, ao perder 244.044 cotizantes. En Galicia descende en máis de 13.000 persoas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 11:54

Comparte esta noticia

A Seguridade Social pechou xaneiro cun descenso medio de 13.753 afiliados (-1,35%) en comparación co mes de decembro, ata situar o total de cotizantes en 1.006.506 persoas. Este retroceso en Galicia é superior ao 1,2% de baixada do conxunto estatal.

A pesar deste descenso, son 14.136 afiliados máis que o mesmo mes do 2019, o que supón un 1,42% máis, de acordo cos datos que publica este martes o Ministerio de Inclusión, Seguridade Social e Migracións.

Este ritmo de retroceso en Galicia (-1,35%) é superior ao de baixada no conxunto estatal (-1,2%). A Seguridade Social pechou xaneiro en toda España cun descenso medio de 244.044 afiliados, a súa maior caída neste mes desde o exercicio 2013, cando perdeu algo máis de 263.000 cotizantes.

Por provincias, a diminución máis acusada prodúcese na de Pontevedra (1,5% e 5.351 persoas menos); seguida por Ourense (1,36% e 1.405 afiliados menos); A Coruña (1,27% e 5.566 persoas menos); e Lugo (1,17% e 1.431 afiliados menos)

Na distribución por réximes, o xeneral contabiliza 778.092 afiliados (repartidos entre 746.946 do subtipo xeral, 5.357 do sector agrario e 25.790 do fogar). Mentres hai 207.953 autónomos e 20.461 persoas no do mar.

DATOS ESTATAIS

No conxunto de toda España, o total de ocupados situouse ao finalizar xaneiro en 19.164.494 afiliados, o seu maior volume nun mes de xaneiro.

O Ministerio que dirixe José Luís Escrivá explicou que, como é habitual, os datos de xaneiro reflicten o impacto do fin da campaña do Nadal, cun retroceso máis intenso en comercio e hostalaría, sectores que perderon 43.057 e 42.987 cotizantes no arranque do ano.

Ademais, o descenso de afiliados en xaneiro explícase tamén, segundo o Ministerio, polo impacto das treboadas nas campañas agrícolas de tempada, o que provocou un retroceso de 15.317 cotizantes no Sistema Especial Agrario.

Sen o compoñente estacional, a afiliación á Seguridade Social subiu en xaneiro en 5.324 persoas. No último ano, o sistema gañou 345.194 cotizantes (+1,8%), dos que 329.066 se inscribiron no Réxime Xeral (+2,1%).

Variación da afiliación á Seguridade Social en Galicia, con datos actualizados a xaneiro do 2020.. EPDATA
Variación da afiliación á Seguridade Social en Galicia, con datos actualizados a xaneiro do 2020.. EPDATA | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta