O PP tomba a proposta dun imposto ás bebidas azucradas por ser "un curta e pega" da lei catalá

Alega que repercutiría entre as familias con rendas máis baixas, "que son as que máis consomen estes produtos".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 18:17

Comparte esta noticia

Os votos do PPdeG tombaron a proposición lexislativa presentada por En Marea para a creación en Galicia dun imposto especial para as bebidas azucradas como vía para reducir o consumo deste tipo de produtos en aras de combater o sobrepeso e outros trastornos derivados de malos hábitos alimenticios.

Este martes, no pleno ordinario que acolle a Cámara galega, a proposta de lei defendida polo portavoz de En Marea, Luís Villares, foi rexeitada pola oposición do PP, que asegurou que a iniciativa constitúe "un curta e pega traducido" da lei aprobada polo Parlament de Cataluña. O resto de forzas con presenza no Pazo do Hórreo -PSdeG, Común da Esquerda e BNG-- apoiaron a proposta.

A encargada de expor a postura do PPdeG foi a deputada Jackeline Pardo que, ademais de tachar a proposición de "copia literal" do texto lexislativo aprobado en Cataluña, censurou que En Marea traia á Cámara a creación dun imposto "sen ningún tipo de modelo de recadación" que suporía pór en marcha un gravámen "regresivo" que repercutiría entre as familias con rendas máis baixas, "que son as que máis consomen estes produtos".

Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo
Hemiciclo do Parlamento de Galicia. PARLAMENTO - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta