Feijóo asegura que o seu goberno incrementou nun 55% as prazas públicas en residencias

Afirma que este 2020 Galicia contará con "máis opcións que nunca" para que os maiores envellezan "como libremente desexen".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 04/02/2020 | Actualizada ás 17:54

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou este martes que, ao termo deste ano 2020, Galicia contará con 65.000 persoas dependentes atendidas, un obxectivo que o Goberno galego amplía despois de que en 2018, dous anos antes do previsto, se alcanzasen os 60.000 dependentes con asistencia.

Durante unha visita ás instalacións da residencia de maiores de Carballo, o titular do Executivo galego explicou que, para alcanzar esta meta, nas últimas semanas reforzouse o Servizo de Axuda no Fogar con medio millón de horas máis de atención para a veciñanza que o necesitara, unha iniciativa que chega xa a máis de 24.000 fogares.

Así mesmo, seguirase "apostando" polo Bono residencia, que neste momento axuda a 1.900 galegos a pagar unha praza nun centro da súa elección; e darase prioridade ao funcionamento do Bono Coidados en Familia, para os dependentes que son atendidos por unha persoa da súa contorna.

Do mesmo xeito, o presidente galego afirmou que a Xunta traballará para a creación de novas prazas en residencias e fixo fincapé nas 900 prazas que se abrirán nas sete cidades galegas grazas á colaboración entre a Xunta e a Fundación Amancio Ortega.

Entre outros programas, o presidente galego mencionou o Xantar na Casa, que leva un menú diario a máis de 1.300 maiores que viven sós; o autobús de Coidados porta a porta, que este ano multiplicará por 10 a súa extensión e levará servizos de optometría, podoloxía e talleres de memoria a 200 concellos rurais; e as casas do maior nos concellos de menos de 5.000 habitantes.

MÁIS OPCIÓNS "QUE NUNCA"

Alberto Núñez Feijóo asegurou que este 2020 Galicia contará con máis opcións "que nunca" para que os maiores envellezan "como libremente desexen" e aproveitou a visita para facer un chamamento ao Goberno central para que asuma "a súa responsabilidade" e cofinancie o gasto que lle corresponde en dependencia.

"Pola nosa banda, nós seguiremos traballando con constancia, perseveranza e inconformismo, convencidos de que os 381 millóns de euros que Galicia dedica á dependencia cada ano temos que incrementalos para chegar aos 65.000 dependentes atendidos este ano", engadiu.

Tras resaltar que, na última década, a Administración autonómica incrementou nun 55% o número de prazas públicas en residencias de maiores, centros de día e de Alzhéimer e de atención á discapacidade, o titular do Goberno galego concluíu afirmando que a Xunta seguirá traballando para "dar resposta ás dúas vertentes do envellecemento", o envellecemento activo e o envellecemento coidado.

Dependencia.
Dependencia.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta