Feijóo non descarta, agora, un adianto electoral en Galicia

Tras manter tanto el como o seu partido que Cataluña non ía condicionar a política galega, agora evita pronunciarse sobre se os comicios poden coincidir cos vasos se o leendakari os adianta.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 06/02/2020 | Actualizada ás 15:02

Comparte esta noticia

O presidente galego comeza a parecerse a Pinocho, a personaxe creada por Carlo Collodi no século XIX e que hoxe é un símbolo da literatura universal. Se un día di unha cousa, á semana seguinte pode dicir a contraria sen inmutarse. E ten a curiosa habilidade de que o que di parece que é novo, cando está dicindo o contrario do que xa dixera. Unha estratexia moi "pinochiana" coa que consegue ter domesticados aos grandes medios de Galicia.

Feijóo, tras o Consello da Xunta. XUNTA
Feijóo, tras o Consello da Xunta. XUNTA

"O meu interese é que Galicia vaia mellor e que haxa un ambiente de maior liberdade e benestar. Sobre as eventualidades da política catalá, ninguén sabe o que vai ocorrer en Cataluña. Fixar a coherencia do discurso do president Torra: di que perdeu a confianza nos seus socios de ERC, pero simultaneamente afirma que vai aprobar con eles os orzamentos e despois, convocar eleccións". Isto é o que dicía Alberto Núñez Feijóo hai xusto unha semana descartando que as eleccións galegas se foran a anticipar ou puideran coincidir coas catalanas. Un argumento que repetiron nos últimos días os dirixentes do seu partido, entre eles, Miguel Tellado ou Alfonso Rueda.

Pero tras a decisión do leendakari vasco, Íñigo Urkullo, de sondear a posibilidade dun adianto electoral, Feijóo volveu cambiar de parecer. Onde antes falaba de "interese de Galicia", agora fala de "hipóteses". E, onde antes era axenda catalana, agora é "electoralismo" dos partidos da oposición en Galicia que, segundo Feijóo, "están xa en campaña electoral".

Así, e tras ser preguntado en varias ocasións na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta sobre a posibilidade de que as eleccións galegas coincidan coas catalanas, que están previstas para abril, Feijóo non dixo un "non" rotundo, como ata agora viñan apuntando o seu partido. "Eu non vou falar de hipóteses", limitouse a responder. "Cando teña que dicir algo xo direi", engadiu.

Resposta moi diferente a se se lle pregunta por un adianto das eleccións vascas. Nese caso, a súa resposta é un silencio elocuente. "Está tan ben formulada esa pregunta que me deixou vostede sen palabras", respondeulle ao xornalista de La Voz de Galicia, que lle preguntou sobre unha coincidencia electoral con Euskadi. É dicir, que nin confirma, nin desmente, esa coincidencia. Con todo, os precedentes fan pensar que, cando hai eleccións en Euskadi, tamén as hai en Galicia. Así aconteceu nas últimas dúas convocatorias electoriais. Feijóo fíxoas coincidir coas vascas nas dúas ocasións. Por iso, evita, agora, confirmar que faría se hai un terceiro adianto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 fachEspanhóisSomPuroXurro

Frijool nom cre na autonomia política (só na de gestom, onde melhor chambar cos compinchas: ENCE, privatizaçom de ensino e sanidade, eólicas, pémex…) até o ridículo ponto de nom ser quem de convocar de forma “autónoma” as eleiçons do país.

1 CastelaoPaSogama

Ou sexa, entre as críticas nerviosísimas da Voz contra Vox e este posible adianto, todo apunto a que Vox medra, e Feijoo vai a menos. As forzas vivas andan dos nervios ante a idea de que Feijoo non teña maioría absoluta e goberne G. Caballero; ou peor, que teña que pactar con Vox.