Verín dálle a benvida ao Entroido cunha Gala Solidaria

Será no Auditorio Municipal o sábado 15 de febreiro ás 20:00 h. e aproveitarase para proxectar o documental "O noso Entroido", realizado por varios verineses baixo a dirección de Miguel Ángel Prieto Sotelo, "Chita".

Por X.M. Fernández | Verín | 09/02/2020 | Actualizada ás 10:01

Comparte esta noticia

A gala, "O noso Entroido, quecendo motores", ademais da proxección audiovisual da obra "O noso Entroido", contará con varias actuacións musicais, humor e coa presentación de Miro Mateo. Será o 15 de febreiro no Auditorio de Verín, comezará ás oito da tarde e a recadación -5 euros por entrada- será destinada integramente á Asociación contra o Cancro de Verín.

Presentación da gala a cargo de Gerardo Seoane, Alcalde, e Emilia Somoza, Concelleira de Cultura e Festexos. Foto: Prensa Concello de Verín
Presentación da gala a cargo de Gerardo Seoane, Alcalde, e Emilia Somoza, Concelleira de Cultura e Festexos. Foto: Prensa Concello de Verín

Os organizadores recomendan ao público que acuda disfrazado ao Auditorio, para participar festivamente no que será o “comezo audiovisual” do carnaval do 2020.

Así mesmo, entre os asistentes sortearanse varias obras de arte de creadores plásticos da comarca de Monterrei. Dúas pinturas de Fernando Barreira, unha esculto-pintura de Xosé Rivada, unha sudadeira decorada de Manuela Álvarez e unha xilografía de Rafa Castro.

A gala será unha novidade do programa deste ano que se suma a outra que se repite, o traslado do pregón oficial ao "Domingo Corredoiro". O pregoeiro deste ano, o domingo 16 de febreiro ás 13:30 h., será o verinés Miguel Prieto Sotelo, "Chita", protagonista no documental xunto con Óscar Conde Pérez, Juan Carlos Méndez Damorín e outros veciños e veciñas de Verín e localidades da contorna. 

En canto á trama do documental, vibrante e cunha trepidante “vis cómica”, consiste nas manifestacións espontáneas do público ante o protagonista que percorre os “puntos quentes” do carnaval cunha misión: dilucidar cal é “o mellor entroido do mundo”. O resultado é unha desternillante procesión de personaxes que pugnan, entre todos, por dar resposta a esta pregunta, posiblemente a máis transcendente para varias comarcas do sur de Galicia.

Plan de autoprotección para o Entroido

Malia a baixada de incidencias e asistencias da edición anterior do Entroido, o Concello de Verín non baixará a garda e reforzará a seguridade dos grandes eventos. O pasado 5 de febreiro tivo lugar a reunión de coordinación de seguridade do Entroido 2020, convocada pola área de Seguridade Cidadá do Concello de Verín. Na mesma presentouse o Plan de Autoprotección que reflicte a coordinación necesaria entre os diferentes equipos de emerxencia e os protocolos de actuación a seguir para garantir un Entroido no que tanto veciños e veciñas como visitantes gocen dos festexos e non se poña en risco a súa seguridade en ningún momento.

Á reunión acudiu a concelleira de Trafico, Seguridade Cidadá e protección Civil, Cándida Couñago,  xunto con representantes da Garda Civil, Policía Local, Cruz Vermella, Protección Civil de Verín, Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA), Dirección Provincial de Emerxencias, CIS Ourense, 061 e Garda Civil de Tráfico.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta