Por Moncho Mariño | Santiago de Compostela | 18/02/2020 | Actualizada ás 13:45
-As verteduras de xurros na comarca da Limia e noutras partes da provincia de Ourense e os depósitos de residuos sólidos das explotacións gandeiras intensivas, está creando un clima de malestar entre a veciñanza. Teñen pensado actuar de maneira inmediata ou con máis contundencia sobre este punto?
Hai un decreto que regula como se deben tratar os residuos, como os de granxa de polo e xurros. Ese decreto prohibía certas accións, mais deixou a man aberta ás CC AA para que puidesen facer determinadas excepcións. Todas as CC AA excepcionaron esas obrigas e aquí en Galicia, en principio, ata o ano 2021. Somos conscientes de que esas normas non se cumpren todo canto quixeramos ou non están de acordo coas boas prácticas medioambientais. Temos claro que a vindeira PAC, os próximos fondos europeos e o próximo PDR, van xirar arredor da sustentabilidade ambiental. Iso porque os consumidores están cada día máis preocupados pola procedencia e tratamento dos produtos que mercan, cada vez buscan máis produtos de proximidade, ou quilómetro 0, que non contribúan á pegada de carbono. Todas estas cousas son da nosa preocupación, por iso nos puxemos a traballar nunha regulación integral para toda Galicia, tendo en conta que hai unhas zonas con maior problemática que outras, debido á maior concentración gandeira.
-A produción de carne é un dos sectores con máis peso dentro da industria agraria galega, mais hai produtores que se queixan dun exceso de poboación gandeira, sobre todo porcino na comarca da Limia.
Eu persoalmente non recibín queixas sobre este punto, mais si que coñecemos certas dificultades. Temos acceso aos datos das analíticas da Confederación Hidrográfica Miño-Sil (CHMS), que ten unha serie de puntos de recollida para mostras e coas que fan as súas analíticas. Precisamente en base a esas analíticas, a CHMS enviounas ao Ministerio de Transición Ecolóxica, quen nos comunicou mediante resolución, a necesidade de declarar como zona vulnerable a Limia. Despois de analizarmos eses datos e a resolución, e amparándonos nos datos da Confederación, presentamos unha serie de alegacións pois cremos que estamos a tempo de tomar medidas antes de aplicar unha declaración de vulnerabilidade.
Somos conscientes de que as normas non se cumpren todo canto quixeramos ou non está de acordo coas boas prácticas medioambientais.
-Cales serían as implicacións que traería a declaración de vulnerabilidade?
Probablemente se fixarían uns límites de cabana gandeira, probablemente sería dificultoso poder dar autorizacións para novas granxas, tamén atendendo á superficie que demostre o propietario habería que regular a carga existente. Non podería haber excepcións ao decreto do Estado en canto prohibicións para regulación de xurros e habería que observar a aplicación do código de boas prácticas no uso deses residuos como fertilizantes. Todo isto con outras medidas que poden vir anexas ás que xa figuran no decreto por parte do Ministerio de Transición Ecolóxica, será o que determine finalmente estas decisións. Con todo, se comparamos os datos de Galicia con outras CC AA, estamos moi lonxe desa saturación que levaría á declaración de vulnerabilidade. Ademais, desde a Consellería de Medio Rural, o que fixemos foi adiantarnos ao tempo, porque sabemos que o camiño vai pola sustentabilidade medioambiental, por iso nos puxemos a traballar nunha lei de xestión de residuos gandeiros de Galicia, que xa pasou a primeira exposición pública. Agora mesmo está seguindo a súa folla de ruta mediante trámites complicados e lentos, xa nos gustaría que estivese en vigor en meses. Mais os procesos administrativos teñen uns tempos marcados.
-E di que xa pasou a primeira exposición pública?
Si, estivo no Portal de Transparencia, agora ten que pasar máis procedementos. Tamén se enviou a distintas consellerías para que fixesen alegacións das que se recibiron doce, estudáronse. Agora esta seguindo outros procedementos, son lentos mais garantistas. Nós o que queremos é que cando entre en vigor esa normativa, adiantarnos e colocar a Galicia á cabeza da xestión harmonizada deses residuos gandeiros para evitar calquera tipo de contaminación.
-Tamén se intentaron alternativas para o tratamento destes residuos como a creación de plantas de gas e o uso como fertilizante. Non obstante, as plantas parecen estar paradas e segundo apuntan agricultores das Limia, o exceso de xurros sobre os terreos estaos deixando improdutivos.
Ten vostede razón neste punto. Desde a Consellería puxémonos a traballar en determinados tipos de xestión que había en España e na UE, que son os máis avanzados e que tamén cumpren a normativa aplicada en España. O que vimos foi a creación dunhas plantas de creación de enerxía, tanto eléctrica como biogás e outro tipo de enerxía. Iso funcionou mentres o Estado daba unhas primas para a produción enerxética que finalmente foron retiradas e ditas plantas tiveron que pechar por non seren rendibles. Tamén estudamos un proceso empregado nos Países Baixos, onde se separaban os compoñentes dos xurros, compostando a sólida e a parte líquida era tratada e podía ir ao caudal de auga e outra era vaporizada. En todo caso, son plantas para xestión axeitada de residuos gandeiros. É un sistema que acollemos en Galicia para aplicalo, mais insisto en que os tempos da administración son os que son, deixamos aberta na proposta para incorporar sistemas que, teconoloxicamente, sexan máis efectivos, non teriamos inconveniente en asumilo.
Desde a Consellería de Medio Rural, o que fixemos foi adiantarnos ao tempo, porque sabemos que o camiño vai pola sustentabilidade medioambiental.
-Están deseñando unha normativa con “portas abertas”?
A normativa terá varios apartados. O primeiro, o tratamento deses residuos como fertilizante. Isto de maneira controlada en explotacións cunha superficie suficiente, contrastada e controlada, en cantidades que asesore a administración autonómica como tipoloxía do chan, orografía, proximidade a cauces públicos e mananciais e cultivo. Mais como temos rexistrado o número de explotacións e o número de cabezas, ademais da media de metros cúbicos que pode xerar cada cabeza de gando, sabemos o importe total de metros cúbicos de cada explotación. Xunto a isto, a superficie poderase ampliar mediante arrendamento, ou da figura de posta en valor de terra produtiva que figura nunha nova normativa que tamén se está facendo. Así quen acredite unha superficie abondo para a xestión da totalidade dos residuos controlados por aplicación informática, poderá xestionalos e se hai excedente poderase xestionar mediante plantas como as descritas nos Países Baixos. Como sabemos que a rendibilidade das explotacións non son todo o rendibles que desexariamos, estamos traballando nun ecoesquema para incluír na estratexia de Galicia para as vindeiras axudas da PAC, para dar primas por metro cúbico de xurro xestionado para que non afecte a viabilidade das explotacións.
-Está ao tanto do inicio de accións legais por parte de Coren contra un agricultor da Limia? O motivo foi que ese agricultor declarou nun programa de TVE que un aspersor de xurros colocado nun monte comunal era propiedade da empresa alimentaria.
Non teño noticia sobre o primeiro. Sobre se se están botando xurros en montes veciñais, as persoas que teñen acreditada a propiedade das fincas, a título de propiedade ou arrendamento, sempre que sexan dedicadas a agricultura e coa normativa vixente, non temos nada que dicir. A Consellería si ten recibido escritos hai meses atrás de colectivos ecoloxistas. Puxémonos a traballar no programa de xestión de residuos gandeiros, como especificamente na Limia, porque é unha zona importante en canto produción agropecuaria. Por esa mesma razón, en marzo de 2019 puxemos en marcha a mesa da Limia con representación de todos os axentes implicados, agrarios, gandeiros, políticos e sociais. Ademais, asinamos un convenio coa CHMS para a limpeza das canles da Limia, tamén está en marcha un plan de formación na Limia para profundizar na xestión de xurros, pragas e en novas técnicas de cultivo para sustentabilidade e novas técnicas de mercado. Por outra parte, tamén estamos preparando a aplicación do Plan Estratéxico da Limia para que comece a funcionar en marzo deste ano.
A Consellería púxose a traballar en determinados tipos de xestión que había en España e na UE, que son os máis avanzados e que tamén cumpren a normativa española.
-Considera que as grandes explotacións intensivas forman parte da problemática que hai detrás do abandono do medio rural?
Non teño por que criminalizar a ninguén, podo estar máis a favor dunha opción ou doutra, mais en todo caso, este é un país libre. Hai colectivos que nos din de deixar de outorgar licenzas para granxas. Iso non se pode facer porque si, sería prevaricación. Hai unhas normativas nacionais e comunitarias ás que nos temos que cinguir. En Galicia estamos traballando en varias vías para a diversificación deste tipo de sectores, por exemplo, en tres meses creo que seremos capaces de ter aprobada unha marca de calidade para leite de pastoreo de Galicia. Outra será de produción integrada, a ecolóxica está en marcha, e logo a lei de posta en valor da terra agraria de Galicia. Con esa lei poderanse pór en marcha aldeas modelo e polígonos agrarios. Isto traerá a posibilidade de traballar en extensivo e intensivo. Son unha variedade de medidas para que os agricultores poidan escoller.
-O sector apícola está preocupado polas rozas en montes onde existen especies autóctonas que melloran a calidade do mel. Asociacións de apicultores teñen falado sobre este punto con representantes de Medio Ambiente e Medio Rural. Tomarán algunha iniciativa para preservar estas áreas para a produción apícola?
Desde a Administración galega estamos moi pendentes do sector apícola pola súa importancia para o PIB galego. Nestes momentos existe unha transformación nese sector moi importante. Nós axudamos ao sector apícola facilitando información, coñecemento, trampas contra a velutina e axudas para a mellora das explotacións. As rozas dependen doutro departamento, se existe ese problema, o lóxico sería a coordinación de diferentes departamentos para ter un control máis definido para que as abellas teñan onde recolectar. Debemos ter en conta ademais o cumprimento da lei contraincendios. Así que o lóxico é que a ubicación das colmeas, tanto por seguridade cara as persoas e pola lei de incendios, deberan estar onde non teñan este tipo de afectacións. O noso cometido, nesta Consellería e nesta Dirección Xeral é impulsar o sector apícola.
Hai colectivos que nos din de deixar de outorgar licenzas para granxas. Iso non se pode facer porque si, sería prevaricación.
-Teñen planos para implementar a agricultura ecolóxica libre de químicos innecesarios?
Non teña dúbida. Con todo, en cumprimento das diferentes lexislacións en vigor, non podemos dicir “a ti si e a ti non” cando outorgamos licenzas. O que si é certo e que somos conscientes das tendencias no consumo. A xente busca produtos máis sans e seguros e con maior valor engadido. As negociacións para a vindeira PAC e o PDR, van encamiñadas por aí. Non prohibiremos as granxas en intensivo, non se pode, mais si podemos priorizar ou favorecer con liñas de axudas que os produtos alimentarios de Galicia teñan boa reputación e calidade. Así aplicaremos medidas de seguemento para ofrecer mellor produto. En Galicia ninguén pon en dúbida os controis do leite, nin dos controis sobre o alimento para gando. Todo o que sexa a mellora da calidade do produto agrario galego será apoiado desde o noso departamento.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.