O bosque galego, unha ferramenta para mellorar a saúde mental

A Asociación Forestal de Galicia e o Instituto de Baños de Bosque queren aplicar en Galicia técnicas importadas de Xapón.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 07/02/2020 | Actualizada ás 20:20

Comparte esta noticia

Unha xornada que reuniu a decenas de persoas en Santiago profundou nas "posibilidades" que ofrece o bosque galego para aumentar o benestar da cidadanía e mellorar a súa saúde mental.

Souto de Santa Eufemia, Folgoso do Courel (Lugo), Premio Bosque Ameazado 2010
Souto de Santa Eufemia, Folgoso do Courel (Lugo), Premio Bosque Ameazado 2010 | Fonte: Europa Press.

A Asociación Forestal de Galicia, xunto co Instituto de Baños de Bosque e outras organizacións prepararon este evento, durante a tarde deste venres, baixo o lema 'Monte e Saúde'. O obxectivo é trasladar a Galicia os modelos de aproveitamento do monte —como unha "práctica saudable"— que existen noutras comunidades.

O director executivo do Instituto de Baños de Bosque, Álex Gesse, explicou que se trata de ofrecer ás persoas unha "práctica saudable, como unha dieta variada ou facer deporte", a través de paseos polo monte. "Pedimos a esas persoas que esperten os seus sentidos, desaceleren o ritmo para deixarse sorprender polo bosque" e "se relaxen".

Gesse destacou que esta técnica vén de Xapón, pero que realmente se trata de actividades ou métodos que levan toda a vida facéndose. Agora, a meta é "volver ao que as poboacións urbanas perderon" tanto desde o punto de vista da valorización das paraxes naturais como a "dinamización do rural".

A premisa da que parte esta organización asume que o feito de que "os propietarios manteñan un bosque que sexa circulable para as persoas" fará que se poida "aproveitar e potenciar" de forma social. "Ás veces temos bosques moi agrestes que nunha foto son moi bonitos, pero que nos xeran ansiedade", por iso preténdese conseguir "bosques fáciles" para promover "a saúde mental".

Esta forma de entender o bosque é a que a Asociación Forestal de Galicia (AFG) quere trasladar ao rural galego, aínda que o seu presidente, Francisco Fernández de Ana Magán, aposta por "organizar e dar sentido" ao que xa se está facendo e "encadralo dentro dunhas actividades" que teñan como "referente" a técnica do Instituto Baños de Bosque.

Ademais, Gesse apuntou a que este tipo de proxectos supoñen "investimento e creación de oportunidades" para negocios que se atopen "preto destas zonas" rurais. Ao mesmo tempo, "mentres teñamos unha poboación máis saudable, consumiranse menos medicamentos, o que suporá un menor gasto público".

En calquera caso, o director do instituto sinalou que estas terapias "non son maxia", senón que "apoian os servizos de saúde". "O bosque está poboado de beneficios" dos que poden aproveitarse persoas "que sofren tensións, con síndrome burn out, nenos con problemas ou persoas con cancro ou fibriomialgia".

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta