Tellado: "Galicia ten a mellor sanidade pública da súa historia pero a peor oposición posible"

O xerente do Sergas vai pola mesma liña do secretario xeral do PPdeG e pide á cidadanía que confíe no sistema: "Se teñen que acudir ao Sergas atoparán unha sanidade pública de boa calidade".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2020 | Actualizada ás 13:29

Comparte esta noticia

O secretario xeral do PPdeG, Miguel Tellado, mostrouse "convencido" de que "a maior parte" dos manifestantes deste domingo en Santiago pola sanidade pública fano "de boa fe", pero lamentou que o Servizo Galego de Saúde (Sergas) sexa "vítima dunha campaña de desprestixio orquestrada polos partidos da oposición".

Así o expresou o número dous do Partido Popular galego en declaracións aos medios na mesma xornada na que miles de persoas saen á rúa na mobilización convocada por SOS Sanidade Pública nas rúas da capital galega. Ademais, na manifestación participan o PSdeG, BNG, o Grupo Común da Esquerda e En Marea á fronte dunha única pancarta.

"Teño a sensación de que Galicia ten hoxe a mellor sanidade pública da súa historia pero a peor oposición posible", esgrimiu Miguel Tellado, quen no entanto dixo "compartir" as reivindicacións por un servizo sanitario "mellor".

A pesar diso, o secretario xeral dos populares considera que a oposición pretende "gañar un puñado de votos desprestixiando o labor dos profesionais da sanidade pública e a imaxe dunha sanidade pública na que nunca se investiu tantos recursos a día de hoxe e na que nunca se atendeu cunha calidade tan alta".

E é que, de acordo coas súas palabras, "hoxe afortunadamente en Galicia temos máis profesionais que nunca, temos menos listas de espera que nunca e hai máis infraestruturas e máis renovadas que nunca". "Temos o servizo de maior calidade dos últimos anos", engadiu.

"E iso non é que o diga o Goberno e o Partido Popular de Galicia, é que o din tamén os usuarios da sanidade pública nese barómetro da sanidade que rexistra que a valoración dos galegos é a máis alta da serie histórica", reivindicou.

O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG
O secretario xeral do PP de Galicia, Miguel Tellado, en rolda de prensa.. PPDEG | Fonte: Europa Press

SERGAS

O xerente do Servizo Galego de Saúde (Sergas), Antonio Fernández-Campa, apelou a "confiar" na sanidade pública galega e mostrouse "preocupado" con que "estratexias políticas poidan trasladar nalgún momento inquietudes aos cidadáns".

Así respondeu Fernández-Campa en declaracións a Europa Press ao ser preguntado sobre se a protesta deste domingo convocada en Santiago por SOS Sanidade Pública, na que participan miles de persoas, forma parte dalgún tipo campaña por parte dos partidos da oposición. "Non parece que haxa moita dúbida, porque se trata dun tema promovido fundamentalmente por organizacións de carácter político", engadiu.

Fronte a iso, o xerente do Sergas reivindicou que Galicia ten "un magnífico sistema de saúde" cunha calidade que "está ao máis alto nivel" e é "comparable con calquera país do mundo". "Iso é o que debería ser algo do que sentirnos moi orgullosos", expresou.

Neste sentido, valorou que a Xunta destina nos seus orzamentos deste ano "máis de 4.000 millóns de euros", polo que é "o primeiro ano" que se supera esta barreira nunhas contas autonómicas. "Iso significa que de cada dez euros que inviste a Xunta catro son para sanidade", resumiu.

Tras garantir que o gasto público sanitario en Galicia "é superior" á media do Sistema Nacional de Saúde (SNS), sacou peito de que ademais o Sergas se atopa entre os servizos sanitarios "máis valorados". Por iso, pediu aos cidadáns a que "confíen" neste servizo: "Se teñen que acudir ao Sergas atoparán unha sanidade pública de boa calidade".

UNHA OPE DE 3.500 PRAZAS

Así mesmo, Fernández-Campa lembrou a Europa Press que nestes momentos o Goberno galego ten xa aprobada a convocatoria de 1.492 prazas, cuxos exames se celebrarán entre febreiro e marzo. De feito, esta mañá en Silleda (Pontevedra) celébranse probas nas que participan 164 persoas para optar a un posto na categoría de Enfermaría Especialista en Saúde Mental e Traballo.

Con todo, tal e como avanzaron nas últimas horas tanto o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, como o conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuiña, Galicia reclamará ao Estado a eliminación da taxa de reposición para convocar sobre 3.500 prazas na próxima oferta de emprego público (OPE).

Para o xerente do Sergas, esta petición débese a que "unha das dificultades" que hai nestes momentos nos sitemas de saúde, "non só en Galicia", é a "falta" de especialistas como pediatras ou médicos de familia. "Estamos a pedilo ao Estado porque é o que ten as competencias para definir a formación dos especialistas", explicou.

Fernández-Campa considera que esta "non é a única solución senón unha das múltiples que teñen que aplicarse" para "tratar de fidelizar aos profesionais". Non en balde, subliñou que Galicia é "a única" autonomía que "todos os anos convoca prazas" en sanidade "ata o máximo posible" que lles permite a Administración central.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 Onan

Outro palanganeiro e estomago agradecido. Non atoparia traballo en ningures nais que onde esta. Ainda por riba de burros...lelos.

1 Nicodemo

De onde saiu este alieníxena?l

1 Nordés

De onde ia sair, do trifachito.

2 Loca Academia de Facherío

Do BNg ¿Ou non notas o toquiño a Paco Rodriguez?