De Olano vería un "erro monumental" que o PP concorrese con Cs ás galegas

O deputado enmarca a manifestación pola sanidade deste domingo en "algo recorrente" da esquerda e os sindicatos cando "se achegan as eleccións"

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 09/02/2020 | Actualizada ás 18:53

Comparte esta noticia

O vicesecretario de Participación do Partido Popular, Jaime de Olano, vería "un erro monumental estratexicamente falando" que o PP de Galicia abandonase as súas siglas, que son "unha marca gañadora", para concorrer nunha marca conxunta con Ciudadanos ás eleccións autonómicas previstas para este 2020.

Nunha entrevista concedida este domingo a Radio Nacional e recollida por Europa Press, o tamén deputado no Congreso por Lugo volveu "tender a man" e "abrir as portas" do seu partido aos votantes e aos cargos de Ciudadanos para "que se sumen ao proxecto do PP de Galicia".

Así responde o membro da dirección estatal dos populares á proposta da portavoz do partido laranxa no Congreso, Inés Arrimadas, de fraguar unha alianza preelectoral entre forzas "constitucionalistas" para os comicios autonómicos en País Vasco, Galicia e Cataluña, todos eles previstos para este ano.

"Eu congratúlome de que a señora Arrimadas por fin vise a necesidade de que isto sexa así se queremos que non goberne a esquerda cos populistas e comunistas de Podemos estando condicionados con todos os que queren romper o noso país", expresou De Olano na entrevista con Radio Nacional.

Con todo, aínda que os populares ven con bos ollos esa proposta de "agrupar todo o constitucionalismo nunha soa plataforma electoral", porque é o que dixo Pablo Casado "hai meses", din que as circunstancias "non son as mesmas" nas tres comunidades.

E é que, segundo De Olano, tanto en Cataluña como en Euskadi "hai un problema importantísimo cos constitucionalistas", mentres que en Galicia o PP "é unha marca gañadora" que "leva tres maiorías absolutas consecutivas" protagonizadas polo actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo.

"UN ERRO MONUMENTAL"

"O PP de Galicia xa agrupa todo ese voto á dereita do Partido Socialista. Ao PP de Galicia as enquisas dinlle que podería revalidar esa maioría absoluta", recalcou o deputado, para despois evidenciar que, por isto mesmo, "sería un erro monumental" renunciar á marca.

Preguntado sobre se Núñez Feijóo pretende adiantar as eleccións, previstas en principio para setembro, en vista de que o lehendakari, Iñigo Urkullu, podería convocalas de forma inminente, De Olano limítase a responder que "a facultade" é do propio presidente galego. "El decidirá cal é o mellor momento para os galegos para convocar esas eleccións que deberán ser antes de outubro deste ano", insistiu.

Neste sentido, non ocultou que "lle encantaría" que Feijóo repetise como candidato, igual que "á maior parte dos galegos". Así, valorou o "sentido común" co que goberna o dos Peares e encomiou a "seriedade" da Xunta, unha das "moi poucas" administracións autonómicas que "están a cumprir cos obxectivos de déficir e co límite de débeda pública".

DÉBEDA DO IVE CON GALICIA

Sobre os case 200 millóns que reclama o Goberno galego ao Estado por unha mensualidade do IVE de 2017, o vicesecretario de Participación do PP acusou a Pedro Sánchez e á súa ministra de Facenda, María Jesús Montero, de "mentir", porque "poden pagar perfectamente e devolver aos galegos ese diñeiro que lles corresponde". "O que pasa é que non hai vontade política", lamentou.

Deste xeito, De Olano criticou a proposta de Facenda de relaxar o límite do déficit --mentres mantén a súa negativa de abonar os 2.500 millóns de euros totais do IVE ás comunidades-- e negou as acusacións dos socialistas, que suxiren que este conflito se podería arranxar se o PP votase a favor dos Orzamentos Xerais do 2019.

"Non é certo que a única posibilidade de arranxar este problema fose coa aprobación dos Orzamentos de 2019, que non só llos tombou o PP senón os seus socios de Esquerra Republicana, a eses que esta mesma semana o señor Sánchez lles dixo que a eles si lles vai entregar todo o diñeiro que pidan", afeou.

Así mesmo, na mesma semana na que a Xunta enviou o requerimento previo ao Goberno central para reclamar os 200 millóns pola vía xudicial, o deputado por Lugo expresou que "desde logo que si" ten posibilidades de éxito a Administración autonómica nos tribunais.

Tras lembrar que esta é a vía escollida tamén por outras autonomías gobernadas polos socialistas --como Castela-A Mancha e Estremadura--, De Olano criticou que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, "máis parece un delegado ou subdelegado do Goberno" que un candidato á Presidencia da Xunta.

MANIFESTACIÓN POLA SANIDADE PÚBLICA

Finalmente, sobre a multitudinaria manifestación convocada por SOS Sanidade Pública este domingo polas rúas de Santiago de Compostela, á que acudiu toda a oposición galega, o popular suxeriu que estas mobilizacións son "algo recorrente por parte da esquerda e os sindicatos da esquerda" cando "se van achegando as eleccións".

"O PP leva gobernando 30 anos Galicia e eu levo ouvindo o mesmo eses 30 anos, e con todo os feitos é que hai máis sanidade pública que nunca, mellor sanidade pública que nunca, máis infraestruturas sanitarias que nunca, máis profesionais sanitarios que nunca (...) e que isto aumentou enormemente a pesar de pasar na última década unha crise económica tremenda", sentenciou.

O candidato cabeza de lista do Partido Popular (PP) por Lugo, Jaime de Olano. PP - Arquivo
O candidato cabeza de lista do Partido Popular (PP) por Lugo, Jaime de Olano. PP - Arquivo | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta