O BNG propón declarar á actriz Pilar Pereira 'Filla predilecta' de Santiago e darlle o seu nome a unha rúa

Referente no audiovisual e o teatro galego, faleceu a pasada semana.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 10/02/2020 | Actualizada ás 15:55

Comparte esta noticia

O grupo municipal do BNG propuxo a declaración de 'Filla predilecta' de Santiago de Compostela á actriz Pilar Pereira, referente no audiovisual e o teatro galego e falecida a pasada semana.

A actriz Pilar Pereira.
A actriz Pilar Pereira.

Goretti Sanmartín, portavoz do grupo na corporación local, avanzou este luns que a súa formación trasladou a proposta ao resto de responsables municipais de realizar unha declaración institucional para levar a Comisión de Títulos, Honras e Condecoracións a petición de dedicarlle unha rúa, nomeala 'Filla Predilecta' e organizar algún evento cultural á súa memoria.

A actriz, veciña da rúa da Troia, foi enterrada na tarde do sábado tras protagonizar unha intensa traxectoria no teatro e no sector audiovisual, galardoada en 2013 co Premio de Honra Marisa Soto na gala de Teatro María Casares.

"Unha 'picheleira' de toda a vida, que sempre presumiu de ser 'picheleira' aquí e fóra onde viviu moito tempo", lembrou Sanmartín, destacando que Pereira "quixo exercer a vida en liberdade" e reivindicou "sempre a creación artística desde moi nova", unha "pioneira que seguiu ata os últimos tempos".

Pilar Pereira posúe unha das carreiras máis amplas da escena galega tanto no audiovisual como no teatro. Durante máis de seis décadas, a actriz desenvolveu o seu traballo en Galicia, España, Francia, Bélxica e América Latina.

Entre outras accións, creou unha compañía teatral que levaba o seu nome e coa que realizou diversos espectáculos escritos por ela mesma como 'Un lunar vermello con pinguiñas azuis', que foi dirixido por Quico Cadaval. Ademais, traballou con Sarabela Teatro, Compañía Marías, Factoría Teatro, Teatro do Atlántico ou Teatro do Morcego.

No cinema, mantivo unha froitífera relación profesional co cineasta Xavier Bermúdez, co que realizou películas como Rafael, Nena, o León y Olvido. Na televisión tivo papeis regulares en series populares como Mareas Vivas ou Rías Baixas. A nivel estatal, participou con personaxes episódicos en Manos a la obra e Hospital Central.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta