Afundación trae a Santiago 'Con D de Arte', unha iniciativa lúdica para aproximar os nenos á arte contemporánea

O proxecto expositivo acompáñase de actividades paralelas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 12:06

Comparte esta noticia

Afundación a Obra Social de Abanca, abre este martes en Santiago de Compostela o seu proxecto expositivo 'Con D de Arte', unha iniciativa lúdica e didáctica para achegar os nenos e as familias a arte contemporánea.

Exposición 'Con D de Arte', de Afundación, en Santiago de Compostela.
Exposición 'Con D de Arte', de Afundación, en Santiago de Compostela. | Fonte: Europa Press

O programa, que xa estivo en Pontevedra, baséase nunha mostra seleccionada de pezas contemporáneas da Colección de Arte Afundación e explora a través delas os conceptos e composicións deste tipo de arte, como a cor, a liña ou as temáticas.

A exposición ábrese con 'Menina', de Picasso, a peza máis antiga, que avanza unha selección de obras asinadas por artistas como Pamen Pereira, Tatiana Medal, Saura, Álvaro Negro, Jorge Perianes ou Pilar Alonso.

As obras —en distintos soportes e materiais— están acompañadas de pequenos textos nos que se introduce o pequeno visitante en cuestións da creación artística ou da lectura das mesmas, aínda que máis desde o punto de vista xenérico que desde a interpretación dunha obra concreta, tal e como explicou a coordinadora da área de Cultura de Afundación, Marité Cores.

Cores puxo de relevancia a importancia que ten para os máis pequenos aprender a interpretar e aproximarse á arte contemporánea, sobre todo tendo en conta que é unha área artística que non se lles aproxima na educación formal.

Para iso, os visitantes experimentarán coa cor ou a liña nesta arte, así como con algunhas das temáticas máis habituais: a paisaxe e o retrato, para descubrir que as pezas só están "completas" coa interpretación do espectador.

ACTIVIDADES PARALELAS

A mostra, para a que xa están anotados 500 escolares da cidade, permanecerá aberta ao público na sede de Afundación, na Rúa do Vilar, ata o 24 de maio.

Coa visita guiada á mostra, os escolares participarán en talleres de creación sobre os conceptos aprendidos. Ademais, deseñouse un programa paralelo de actividades, que comezará os días 7 e 28 de marzo e 25 de abril con 'Con S de cociña', un taller de cociña para nenos entre 5 e 10 anos.

O seguinte taller será 'Con H de familia', un percorrido creativo xunto a un taller artístico que se celebrará o 14 de marzo, o 18 de abril e o 9 de maio e no que poderán participar nenos de entre 4 e 9 anos, acompañados dun adulto.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta