O acusado de provocar un incendio en Porqueira: "Non prendín lume a nada na miña vida"

A Fiscalía e Garda Civil din que o fixo por "problemas con socios do coto de caza", xa que "todos os focos se produciron en zonas de caza menor".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 11/02/2020 | Actualizada ás 13:38

Comparte esta noticia

O home acusado de provocar un incendio o pasado 17 de setembro de 2017 no municipio ourensán de Porqueira negou os feitos durante a vista oral celebrada este martes na Audiencia Provincial de Ourense. "Eu non prendín lume a nada en toda a miña vida", declarou.

"Que me volva da cor da cinza se fun eu quen prendeu lume", alegou na súa defensa na sesión celebrada na Audiencia de Ourense. A Fiscalía acúsao de desprazarse co seu coche ao lugar de Foz, dentro da localidade de Porqueira, e "cun chisqueiro" prender lume en dous puntos diferentes que se atopan a 260 metros de distancia entre si.

Por estes feitos, o Ministerio Fiscal solicita a pena de catro anos e seis meses de prisión por un delito de incendio forestal e a defensa interesa a libre absolución. Como acusación particular personouse a Xunta de Galicia.

O home, que estivo en prisión provisional durante un mes por estes feitos, manifestou que ese día se atopaba "encamado" na súa casa porque "debía someterse a unha revisión do seu marcapasos".

A principal hipótese da fiscal xira ao redor de que o home, que era cazador, provocase estes incendios por "problemas con socios do coto de caza", xa que "todos os focos se produciron en zonas de caza menor".

INTENCIONALIDADE

Os axentes que declararon nas probas testificales coincidiron en sinalar "a intencionalidade do lume provocada pola aplicación directa de calor sobre combustible forestal posiblemente para o esgotamento da caza".

O acusado de provocar un incendio en Porqueira (Ourense) no xuízo.
O acusado de provocar un incendio en Porqueira (Ourense) no xuízo. | Fonte: Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta