Galicia, pioneira en crear un dispositivo para que as persoas cegas disfruten do deporte en directo

Este proxecto, que leva por nome Escoita, é un fito histórico, xa que é a primeira vez en todo o Estado que se poñen en marcha uns dispositivos de audiodescrición de eventos deportivos para xente invidente

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 17/02/2020 | Actualizada ás 08:10

Comparte esta noticia

Escoita xorde dunha necesidade propia. Cando Jesús Suárez, un rapaz afeccionado aos deportes, quedou sen visión en torno aos seus trinta anos, decatouse de que era inviable para as persoas cunha diversidade funcional dese tipo seguir un partido de fútbol ou calquera outro evento deportivo. 

Gradas do Estadio de Riazor
Gradas do Estadio de Riazor | Fonte: diazydiazarquitectos.com

"Presenteime cos meus amigos en Riazor e cando sento na butaca doume conta de que ningunha radio comercial retransmite ese partido", relata. Ante esta frustrante situación, Jesús Suárez prométese a si mesmo que había cavilar nalgunha solución para que esa situación non volvera repetirse. "Con que unha persoa non poida ter os mesmos dereitos ca o resto, téñense que poñer os medios necesarios para solventalo. Eu non escollín quedar cego", argumenta.

Por iso, logo de moito darlle á cabeza, xórdelle a idea de utilizar un sistema de audiodescrición ao estilo do que se emprega nos museos, onde unha persoa narra aquilo que vai ensinando. Jesús ponse mans á obra e busca a tecnoloxía necesaria para poder aplicalo a recintos deportivos. Pide colaboración de aquí e de acolá e así xorde Escoita, un sistema que entrou en funcionamento este mesmo sábado, 8 de febreiro, no partido do Dépor-Las Palmas celebrado no estadio Abanca Riazor. Nesta primeira ocasión, pioneira tamén en todo o Estado, xa foron catro persoas as que fixeron uso del. 

Este martes 11, Escoita tamén estivo dispoñible no partido de fútbol feminino do Deportivo da Copa da Raíña e axiña se vai implantar, igualmente, no Palacio dos Deportes para o hokey e o basquet. Mais as metas de Jesús Suárez van moito máis alá da Coruña: "Non creo eu que só haxa invidentes nesta cidade!", di retranqueiro. A súa idea é que este sexa un proxecto que se expanda por toda Galicia. "O importante é que o apadriñe canta máis xente mellor".

COMO FUNCIONA?

Este proxecto conta coa colaboración dunha morea de persoas, que dende os seus diversos coñecementos, foron quen de facelo posible. A parte técnica estivo nas mans do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia, e concretamente, nas de Javier Fraga. "A nós chegounos a consulta de Jesús Suárez e pouco a pouco fomos probando e pulindo o método máis interesante", explica o enxeñeiro. Así pois, trátase dun sistema de dispositivos PMR (sistemas de radio frecuencia privada), semellante ao que empregan os servizos de emerxencias, que precisa da narración de dous locutores.

"Ao entrar no recinto entréganche uns dispositivos que son parecidos aos walkie talkie. Cando comeza o partido, poñemos un casco nun só oído, porque co outro queremos disfrutar o ambiente que se vive nas gradas", relata Jesús Suárez. Para conseguir profesionais encargados da propia narración do partido, o impulsor púxose en contacto coa Facultade de Comunicación Audiovisual da Universidade da Coruña (UDC) e mais cunha asociación de locutores de radio xubilados e sen ánimo de lucro. 

Así pois, man a man, estudantes en prácticas e locutores veteranos van agora poñendo palabras a todo aquilo que se observa no campo de fútbol. "Conseguimos un paquete moi bo. De cine!", exclama Fraga. Encabezado pola súa alma máter, Jesús Suárez, este proxecto tamén conta coa colaboración do Concello da Coruña, que foi quen puxo os medios técnicos para que estes dispositivos puideran poñerse en funcionamento.

Ademais, o proxecto está coordinado por Alfonso Hermida, Moncho Viña, Xosé A. Fraga e Adrián Candal, e apoiado pola Fundación do Real Club Deportivo, o Liceo, o Básquet Coruña, a ONCE e a Asociación da Prensa da Coruña.

COMO SOLICITALO?

Escoita é un servizo baixo demanda que se solicita a través da conta de correo asistide@rcdeportivo.es. Todas aquelas persoas que desexen pedilo, deben facelo cunha antelación de ata cinco días respecto da celebración do encontro, indicando nome, apelidos, DNI, teléfono de contacto, grada e asento do usuario.

Javier Fraga pon o foco, por riba de todo, en que este proxecto axuda a "integrar un colectivo moi importante" no día a día dos estadios. O deporte, con Escoita, vén de dar un gran paso cara a igualdade dos dereitos de todas as persoas. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta