Feijóo sitúa Galicia como exemplo de "estabilidade empresarial e institucional"

O presidente da Xunta reivindica o "compromiso colectivo" dos galegos e volve esixir ao Goberno os 370 millóns que "debe".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 12/02/2020 | Actualizada ás 18:49

Comparte esta noticia

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, destacou o "compromiso colectivo" dos galegos como un "elemento clave" para converter Galicia nunha comunidade "solvente, cumpridora e competitiva".

Durante a clausura do 'V Encontro para directivos líderes: 100 Consellos para 2020', Feijóo defendeu que, grazas a este compromiso, Galicia foi capaz de superar a crise económica e continúa "crecendo e creando emprego", aínda que "non sen sortear dificultades".

"A intelixencia colectiva permitiu que non houbese unha fractura social como a que se produciu noutros territorios", afirmou, antes de subliñar que este aspecto, xunto "á seriedade no cumprimento dos deberes", fai que Galicia "siga esixindo que se paguen os máis de 370 millóns que se lle deben a todos os galegos" --200 da mensualidade do IVE de decembro de 2017 e o resto por cumprir as regras fiscais--.

"Os galegos non queremos unha nova senda de déficit, senón simplemente o que se nos debe", abundou, antes de incidir na importancia de asegurar o emprego industrial.

Sobre este punto, referiuse, especialmente, aos 5.000 postos de traballo das empresas electrointensivas, á situación das familias afectadas polo peche da central térmica das Pontes e aos empregos do naval, "un sector estratéxico" que, por exemplo, na Ría de Ferrol "quedará sen carga de traballo a partir do verán".

'SENTIDIÑO'

Feijóo reivindicou que "a combinación virtuosa de audacia, eficacia na xestión e o moitísimo 'sentidiño' dos galegos", fai tamén que Galicia sexa hoxe "unha economía cada vez máis internacionalizadora, atravesando o seu mellor ciclo exportador". Un dato --remarcou-- que sitúa a autonomía como "exemplo de estabilidade empresarial e institucional".

O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, durante a súa visita en Fitur.
O presidente da Xunta de Galicia, Alberto Nuñez Feijóo, durante a súa visita en Fitur.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta