Estes son os consellos para afrontar o 'pico de gripe' en Galicia

Se os síntomas persisten máis alá de tres ou catro días, débese pedir axuda sanitaria.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2020 | Actualizada ás 21:35

Comparte esta noticia

Galicia rexistrou estes días o denominado "pico da gripe", a época do ano na que se dan máis casos e, por tanto, chegan máis persoas afectadas aos centros sanitarios e, especificamente ás consultas de Pneumoloxía.

Campaña de CoFiGa contra a gripe.
Campaña de CoFiGa contra a gripe.

A Dra. Lara Fontán, neumóloga no Hospital HM Modelo da Coruña, confirma que en Galicia

"levamos xa un mes cunha alta incidencia debido, sobre todo a procesos gripais que se multiplicaron nos últimos días". A neumóloga coruñesa explica que "as enfermidades respiratorias danse ao longo de todo o ano pero é despois do nadal cando adoita haber un incremento notable de casos debido a varios factores, entre eles a meteoroloxía e unha alta actividade social, o que provoca máis contagios".

Esta incidencia reflíctese tanto nas consultas de primaria como nas visitas a Urxencias e nos ingresos hospitalarios, que aumentan nestas datas de forma considerable. A Dra. Fontán explica que, ante un proceso respiratorio, débese acudir a Urxencias "cando se ten sospeita de que estamos ante algo grave ou algo diferente ao habitual". A especialista de HM Hospitais lembra que "gripe houbo sempre, convivimos con ela desde que o home está na Terra, e para unha persoa sa, sen factores de risco, é unha enfermidade benigna que non debería levar visita ao médico".

Os síntomas son facilmente recoñecibles: dores musculares, dor de cabeza e de gorxa, mocos, tose, malestar xeral e, nalgúns casos malestar gástrico. Normalmente estes síntomas van asociados a febre, que adoita responder ben a antitérmicos e remite en tres ou catro días. Se estamos ante estes síntomas e non hai unha dor importante no peito nin dificultade respiratoria, a gripe "debe manexarse como se fixo toda a vida, e non é necesario acudir a consulta", explica a doutora.

ACUDIR A URXENCIAS SE OS SÍNTOMAS PERSISTEN

Débese pedir axuda sanitaria se os síntomas persisten máis aló dese tres ou catro días, se o paciente presenta algunha enfermidade crónica ou se se trata de nenos pequenos ou persoas anciás. "Nestes casos falamos de pacientes vulnerables nos que si é necesaria unha maior supervisión, o cal non implica que esteamos ante unha urxencia nin ante unha enfermidade grave", destaca a Dra. Lara Fontán.

Durante este tempo é importante coidar a hixiene e manter certos hábitos para evitar contaxio, como lavar as mans frecuentemente, especialmente tras soarse, tusir ou estornudar. "É moi frecuente ver as salas de espera das consultas cheas de xente estornudando e tusindo sen máscaras e sen cumprir unhas normas básicas de hixiene a pesar de saber que iso é un risco para todos, hai que ser máis solidarios", sinala a doutora.

A VACINA É "SEGURA E EFECTIVA"

Finalmente a especialista alerta da importancia que ten a vacina contra a gripe e a necesidade de desmontar determinados mitos que existen ao redor dela como que pode provocar a enfermidade. "A vacina da gripe non pode producir gripe", afirma a Dra. Fontán.

Outra das grandes mentiras é a referente á súa protección. "A vacina protexe contra a gripe nun 65% ou 70% dos casos; evita que contraiamos a enfermidade, se a contraemos imos ter menos probabilidades de ter unha complicación e ademais prevén que contaxiemos a outras persoas, polo que ten capacidade para conter a epidemia", asegura a neumóloga.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta