Rescatan do esquecemento ás grandes compositoras galegas de música clásica

As súas obras volveron subir agora ao escenario da man da Irmandade da Música Galega. Son nomes importantes do noso patrimonio que non transcenderon máis alá do seu tempo, pero que nos deixaron músicas para a eternidade.

Por Galicia Confidencial | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 15/02/2020 | Actualizada ás 14:00

Comparte esta noticia

Hai moitos nomes do noso patrimonio musical galego que foron quedando polo camiño. Sobre todo, no eido da música clásica. Non é fácil nestes tempos da modernidade, conseguir interese por un proxecto musical que non asociamos ás músicas que hoxe triúnfan. Por iso, xusto co gallo de reivindicar este patrimonio galego das mulleres compositoras do pasado e do presente, traballa a conciencia a Irmandade da Música Galega, unha asociación que se dedica a recuperar o legado de todas aquelas persoas que fixeron música no país.

A compositora Obdulia Prieto
A compositora Obdulia Prieto | Fonte: remitida

Veñen de pechar un ciclo dedicado a rescatar a memoria dos nosos músicos na Real Academia de Belas Artes. Ao longo de todos os seus concertos, fixeron soar os instrumentos para rachar coa discrimicación e para facer memoria contra o esquecemento. Margarita Viso, unha das integrantes da Irmandade e ademais pianista, asegura que "tendemos a mirar para o de fóra cando tamén hai que valorar o que un ten na casa". Só así seriamos "xustos" co labor das persoas devanceiras que compuxeron as nosas músicas.

RESCATANDO NOMES DO ESQUECEMENTO

Pouco se sabe de moitas das mulleres que nun tempo pasado dedicaron a súa vida a combinar as notas precisas nos pentagramas. Flora Noriega, Pilar Ortega, María Boedo e Eugenia Saunier ao longo do século XIX; Blanca Díaz Caballero, Noemí Novara, Ermitas García Ríos, Ana María Navarrete, Pilar Castillo, Julia Dopico, Obdulia Pietro, Mili Porta... E un senfín de nomes que se fixeron o seu oco dentro da escena da música clásica. En activo, María Mendoza, Pilar Couceiro, Margarita Viso... son tres das tantas que traballan no eido.

Das compositoras históricas só se saben catro apuntes de cada unha delas. Ao repasar os seus nomes, Margarita Viso para especialmente sobre o de Obdulia Prieto. "É un tema que me trae preocupada... Penso que foi unha muller que na súa xuventude chamou moito a atención, alá polos anos 20 e 30. A súa obra detona unha moi grande compositora, pero despois dese tempo deixamos de saber da súa actividade, pasou totalmente ao esquecemento".

Co resto aconteceu cousa semellante. E non só coas mulleres, senón tamén cos grandes mestres músicos do país. No eido da música clásica, a discriminación afecta a todas as persoas por igual, recoñece Viso. Sobre doutros estilos musicais, os compositores clásicos adoitan quedar relegados nun segundo plano. Hai quen apunta ao carácter elitista das súas obras e que apela a achegalas ao público en xeral; e hai quen considera que o problema reside en non valorar a arte propia. 

IRMANDADE DA MÚSICA GALEGA

Neste camiño cara a visibilización destas obras mestras, a Irmandade da Música Galega ocupa un lugar importante. Segundo explica Margarita Viso, trátase dun "grupo cívico que se move polo amor á música galega en todas as súas manifestacións". Isto é, dende o patrimonio etnográfico e musicolóxico ata o patrimonio dos propios compositores do pasado e os intérpretes e músicas actuais que andan soando polo país adiante.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta