"Non á privatización" e "coa saúde non se negocia"... Nova protesta na Coruña contra a política de Feijóo

Marea Branca pide o "cese da privatización" na sanidade e a fin do emprego "precario e temporal".

Por Galicia Confidencial | A Coruña | 16/02/2020 | Actualizada ás 13:30

Comparte esta noticia

O colectivo da Marea Branca da Coruña concentrouse este domingo na cidade herculina baixo a lema "A sanidade non se vende" para denunciar a falta de recursos no sistema sanitario público e esixir á Xunta que "cese a privatización".

A concentración comezou ás 12:30 horas no Obelisco, onde os organizadores estenderon unha gran pancarta branca co lema "Coa saúde non se negocia" e corearon en varias ocasións "A sanidade non se vende, a sanidade deféndese", ademais de "Non, non, non á privatización".

No manifesto, lido na mobilización, a Coordinadora Antiprivatización de Mareas Brancas denunciou que o Goberno de Galicia "está a desmantelar a Sanidade Pública" nun "proceso programado" ao obxecto de privatizar recursos. Ademais, a plataforma tachou de "malos tratos institucionais á cidadanía" a existencia dunhas listas de espera "insoportables" que, ao seu xuízo, empuxan á sanidade privada "a quen o poidan pagar e abandona á súa sorte aos máis desfavorecidos".

Manifestación a prol da Sanidade Pública
Manifestación a prol da Sanidade Pública

EMPREGO DE CALIDADE

A Coordinadora condenou tamén a situación dos profesionais do sistema sanitario público, con "políticas de emprego precario, temporal e en fraude de lei" ao contratar con nomeamentos temporais a cobertura de necesidades estruturais e non realizar ofertas públicas de emprego "coa necesaria periodicidade".

En concreto, criticaron a actuación do Sergas respecto ao peche do paridoiro de Verín e puxeron en valor que "a cidadanía empoderada conseguiu a súa reapertura ao encher as rúas". Por outra banda, denunciaron a entrega do antigo Hospital Público Cíes de Vigo, pertencente á Tesouraría Xeral da Seguridade Social a unha compañía privada "por unha vergoñosa poxa pública que se pechou en 3,5 millóns de euros".

"Seguiremos na rúa reclamando e defendendo a sanidade 100 % pública e reclamando a reversión ao público de todas aquelas prestacións sanitarias que foron entregadas á Sanidade Privada", remarcou a 55ª Marea Branca.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta