Coñece o mapa do fabuloso Entroido de Galicia

O 'triángulo máxico' de Ourense atrae a milleiros de persoas e comeza a ser un destino turístico internacional.

Por Europa Press / Redacción | A Coruña | 16/02/2020 | Actualizada ás 16:25

Comparte esta noticia

Galicia prepárase para o 'Entroido' --nalgúns municipios xa empezou a programación oficial-- coa previsión de máis afluencia de visitantes na zona do coñecido como 'triángulo máxico' na provincia de Ourense (Xinzo de Limia, Laza e Verín), segundo coinciden distintos sectores consultados por Europa Press.

Mentres, a Xunta destaca o papel desestacionalizador no turismo desta celebración, con propostas que, á festa e tradición, suman a oferta gastronómica característica nesta época.
En Galicia hai nove entroidos que teñen recoñecemento de Interese Turístico e máis de 175 municipios galegos teñen declarado festivo o luns ou martes de Entroido ou o mércores de Cinza. Todos eles con festas máis locais, como os 'choqueiros' da Coruña, ata outras con proxección nacional e internacional como as máis concorridas na provincia ourensá.

Xinzo de Limia, onde a programación xa arrincou hai días, está considerado Festa de Interese Turístico Internacional, coas súas 'pantallas'; mentres que o de Verín, cos 'cigarróns', é de Interese Turístico Nacional. A iso súmanse as festas de Interese Turístico de Galicia como a de Laza, cos 'peliqueiros'.

OUTROS ENTROIDOS

Con esta declaración, figuran tamén o de Viana do Bolo, no que o personaxe principal é o 'boteiro', que comparte protagonismo coa promoción do produto gastronómico da 'androlla'. Tamén están o Fulión Tradicional do Entroido de Manzaneda, coas 'mázcaras'; o de Vilariño de Conso, co 'boteiro' tamén como personaxe estelar, e o de Maceda, cos 'felos', todos eles en Ourense.

E é que só na provincia de Ourense, dentro da programación da Deputación provincial, celébranse máis de 300 actividades en 45 localidades.

Como Festa de Interese Turístico de Galicia, están tamén o de Cobres en Vilaboa (Pontevedra), coas 'damas e galáns', unha celebración que, segundo algúns escritos, remóntase ao século XVIII, ou os Xenerais da Ulla, que abarca os municipios da Estrada, Boqueixón, Santiago, Silleda, Teo, Touro, Vedra e Vila de Cruces e que hai anos decidiron unirse para reivindicar a tradición deste entroido.

A súa orixe remóntase á Guerra da Independencia, segundo información facilitada polo grupo dos oito concellos para a promoción conxunta dos Xenerais da Ulla.Nel, os 'xenerais' van montados dacabalo, disfrazados con vistosas vestimentas militares e que inclúen adornos carnavalescos, que locen tamén os cabalos.

IMPACTO ECONÓMICO

Sobre o impacto económico que supón a celebración dos entroidos, especialmente os declarados Festa de Interese Turístico, os distintos sectores consultados por Europa Press aseguraron que non existe un estudo realizado a este respecto, pero destacan a repercusión, sobre todo, no caso de Xinzo de Limia-Verín-Laza.

Así o apunta o presidente da Federación de Empresarios de Hostalaría de Ourense, Ovidio Fernández, quen afirma que nestas datas rexístrase xa unha ocupación do 85 e o 95% coa previsión de alcanzar o 100% nos días onde se concentran os principais actos no 'triángulo máxico', pero tamén cunha "alta ocupación" en localidades con outros entroidos como o de Viana do Bolo.

XINZO, O "MÁIS LONGO"

Pola súa banda, a alcaldesa de Xinzo de Limia, Elvira Lama, sostén que o impacto económico para este municipio é "moito". "Durante as cinco fins de semana do 'Entroido', a ocupación en Xinzo é practicamente do 100%. E a iso hai que sumar os ingresos de restaurantes, bares e, en xeral, de todo o comercio", engade.

En canto aos datos económicos, desde o Clúster de Turismo coinciden en que non hai datos extrapolados de ocupación hoteleira derivada dos entroidos galegos, pero si destacan, a "mellora" que se rexistra cada ano. Desde o sector, apúntase tamén á oferta que fan as axencias de viaxes con paquetes centrados nos entroidos.

PROMOCIÓN

Sobre a promoción dos entroidos galegos, desde a Xunta explican que se impulsa por "diferentes vías". "Tendo en conta o seu gran papel desestacionalizador como recurso encadrado no ámbito do turismo cultural, pero tamén para salvagardar unha manifestación representativa do noso patrimonio cultural inmaterial", apuntan desde a Consellería de Cultura.

Ao fío diso, destacan iniciativas como a vinculación destas celebracións coa gastronomía propia desta tempada e de cada lugar a través da iniciativa 'Entroido Gastronómico' ou coa promoción das mesmas a través da presenza en feiras turísticas como Fitur.

A iso, engaden a campaña de publicidade específica que se realiza durante o mes de febreiro. Ademais, lembran que, nos últimos anos, optouse por organizar un desfile en Santiago no mes de setembro onde a Xunta reúnen varios entroidos de Interese Turístico e convidados.

Entroido de Viana do Bolo, entroido. PSDEG
Entroido de Viana do Bolo, entroido. PSDEG

Entroido de Cobres
Entroido de Cobres | Fonte: Turismo Rías Baixas
As pantallas desfilando polas rúas no primeiro día do Entroido de Xinzo de Limia (Ourense) a 16 de febreiro de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press
As pantallas desfilando polas rúas no primeiro día do Entroido de Xinzo de Limia (Ourense) a 16 de febreiro de 2020.. Rosa Veiga - Europa Press | Fonte: Europa Press
Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 4 comentarios

2 galegON

Temos un entroido espectacular. Cada un cos seus matices e cada un coas súas tradicións 'máis ou menos' conservadas na 'súa esencia'. Non empecemos co "máis ca min ninguén"...

1 galegoexiliado

Non confundamos o verdadeiro "Triángulo Máxico" de Viana, Vilariño e Manzaneda-Trives, donde se conservan as suas esencias, co famoso TRIÁNGULO TURÍSTICO de Ginzo, Laza e Verín. cada vez mais parecido a Magaluf e os seus famosos botellons. O deus Turismo todo corrompe.

1 Sentidiño

O triángulo máxico xa era Xinzo-Laza-Verín hai corenta anos. Quen anda confundido polo que poñen no "Luar" é vostede.

2 galegoexiliado

Hai corenta anos había un antroido interesante en Xinzo-Laza-Verín, mais dende entón comenzaron a adicalo o deus turismo e perdeu toda a sua esencia. Que decir do desfiladoiro de Verín e os seus desfiles militares, que decir das pantallas de Xinzo coa pantalla nunha man e o vaso noutra, de Laza... deixémolo para os forasteiros. Alomenos no Triángulo Máxico da montaña seguen a conservar as suas tradicions sin adulteralas pa atraer turistas. Por certo que nunca vin o Luar nin vexo a tele do PP, nin me deixo aconsellar pola prensa publicitaria. So falo do que vexo, e o que vexo no Triángulo Turístico nin me gusta nada, nin se parece ó que foi fai moitos anos. Pero pa gustos.... venden gafas de cores.