CC.OO. ve "insuficiente" o Estatuto das Electrointensivas e considera que non achega "tranquilidade" á industria

Lanzan un "berro desesperado" para salvar o sector industrial.

Por E.P. | A CORUÑA | 17/02/2020 | Actualizada ás 12:36

Comparte esta noticia

O sindicato CC.OO. tachou de "insuficiente" o Estatuto das Electrointensivas presentado polo Goberno central e considera que non cumpre coas expectativas dos sindicatos, que lanzan un "berro desesperado" para salvar ao sector industrial.

Manifestación de empresas electrointensivas na Coruña para esixir un prezo eléctrico 'competitivo'
Manifestación de empresas electrointensivas na Coruña para esixir un prezo eléctrico 'competitivo' | Fonte: Europa Press

Membros de CC.OO. e dos comités de empresa da antiga Alcoa da Coruña e de Alcoa-San Cibrao abordaron as consecuencias que suporá para a industria o Estatuto das electrointensivas e explicaron cales son as alegacións que presentarán ao mesmo.

O Estatuto Electrointensivo, cuxo prazo para presentar alegacións termina este xoves, beneficiará a unhas 600 industrias con alto consumo eléctrico, ás que se bonificará nun 85% os cargos da súa factura, o que lles suporá un aforro conxunto duns 90 millóns que, sumados ás compensacións por custos de CO2 (172 millóns o pasado ano), elevarán a máis de 262 millóns o apoio a estas industrias.

Este sindicato pide ao Goberno que o texto inclúa unha distinción entre a industria electrointensiva e a hiperelectrointensiva, pois "non se pode dar as mesmas axudas ás empresas menos consumidoras que aquelas que máis consomen", comenta o secretario xeral da Federación de Industria de CC.OO. de Galicia, Victor Ledo.

Ademais de solicitar que se teña en conta esta figura, CC.OO. demanda ao Goberno un compromiso de investimento e emprego para garantir o futuro da industria que, en base a este estatuto, non sería competitiva respecto ao resto de países. Así o fixo constar Alberto Pulpeiro, de Alcoa-San Cibrao, que se mostrou "descontento" co texto que leva a "desaparecer" a esta factoría da Mariña lucense.

Precisamente, para denunciar a situación desta fábrica, os sindicatos concentraranse o próximo día 26 na Deputación de Lugo.

POXAS ELÉCTRICAS

Nas súas alegacións, CC.OO. tamén demanda que os sindicatos estean presentes nas poxas eléctricas. "Os sindicatos temos que estar na gobernación das poxas para comprobar que este proceso é transparente", indicou o responsable do sector da enerxía de CC.OO Industria, Jesús Crespo.

"Este estatuto non dá tranquilidade para levar a cabo o novo proxecto industrial na Coruña", destacou Juan Carlos López Corbacho, presidente do Comité de empresa de Aluibérica (antiga Alcoa A Coruña), a quen lle preocupa que o texto inclúa máis empresas e se esqueza das que "realmente teñen o problema", que son as grandes consumidoras de enerxía.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta