Presentan unha iniciativa para implantar a figura da enfermeira escolar nos centros educativos

Os sindicatos Satse e Anpe decidiron poñer en marcha esta estratexia "ante o desinterese das consellerías de Educación e Sanidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 18/02/2020 | Actualizada ás 17:12

Comparte esta noticia

A Plataforma Estatal de Enfermeira Escolar, na que se inclúen Satse e ANPE, desenvolverá nos próximos meses en Galicia e no resto do Estado unha nova estratexia de actuación de ámbito administrativo, político e informativo "para lograr que se inicie no curso 2020-2021 a implantación da figura da enfermeira escolar en todos os centros educativos" galegos.

A Plataforma Estatal de Enfermeira Escolar, integrada polo Sindicato de Enfermaría (Satse); o Foro Español de Pacientes (FEP); o Sindicato Independente do Ensino Público ANPE; e a Federación Española de Diabetes (FEDE), decidiu pór en marcha esta nova estratexia de actuación conxunta "ante o desinterese das consellerías de Educación e Sanidade por implantar unha medida que beneficiaría a todos os alumnos e alumnas, pais e nais, profesorado e ao resto da comunidade educativa", explicou nun comunicado.

A nova estratexia de actuación, presentada recentemente no ámbito estatal polos presidentes de Satse, Manuel Cascos; o Foro Español de Pacientes (FEP), Andoni Lorenzo, e ANPE, Nicolás Fernández, desenvolverase tamén en Galicia porque as administracións públicas sanitarias e educativas, incidiu, "seguen sen dar resposta ás necesidades asistenciais e de prevención e promoción da saúde que existen en todos os centros escolares ao non posibilitar a implantación da enfermeira escolar".

CUSTO "IRRISORIO"

Segundo explicou esta Plataforma, o principal motivo do rexeitamento das administracións é o económico "cando xeneralizar a figura da enfermeira escolar só suporía 16-20 euros ao ano por habitante".

Un custo "irrisorio", destaca, "se se compara cos miles de millóns de euros que levan para o noso sistema sanitario público distintos problemas de saúde que unha enfermeira escolar podería previr", conclúe.

Enfermeiras nunha planta de pediatría
Enfermeiras nunha planta de pediatría | Fonte: consalud.com

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta