Por E.P. | A CORUÑA | 18/02/2020 | Actualizada ás 17:33
A Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia (TSXG) declarou o carácter laboral entre o hospital Modelo e os médicos que lle facilitaba a empresa Gineglobal, principalmente para gardas de xinecoloxía, segundo informa o alto tribunal galego tras unha sentenza emitida por el.
Desta forma, obriga o centro médico a contratar eses traballadores, quen facturaban, a través da empresa externa, polos servizos prestados. O Superior estima, así, o recurso interposto pola Tesouraría Xeral da Seguridade Social fronte á resolución do Xulgado do Social número 5 da Coruña.
Segundo a sentenza de instancia, a empresa non tiña "outra actividade efectiva, nin estrutura empresarial propia, máis aló dos propios facultativos codemandados".
Así, "non consta que realizase outra actividade máis que a contratada en exclusiva para a prestación de servizos a pacientes no Servizo de Xinecoloxía e Obstreticia dos hospitais de Sanatorio Cirúrxico Modelo", resalta o TSXG. Os maxistrados destacan que tampouco está acreditada "unha concreta achega por Gineglobal de medios materiais propios".
"En definitiva, non está probada, á vista da sentenza de instancia, outra actividade efectiva e real da codemandada, Gineglobal SL, máis aló de funcionar como intermediaria entre os profesionais médicos e a sociedade titular do servizo hospitalario de xinecoloxía no que desenvolvían o seu labor", subliñan os xuíces.
No seu fallo, conclúen que esa actividade de intermediación "non pode ter o efecto de excluír a laboralidade da prestación existente entre tales profesionais e Sanatorio Cirúrxico Modelo SL".
CONTRATACIÓN DOS PROFESIONAIS
A función de Gineglobal SL, segundo o Superior, redúcese a contratar determinados profesionais médicos para que presten servizos en Xinecoloxía e Obstetricia dos hospitais xestionados por Sanatorio Cirúrxico Modelo na Coruña.
"Gineglobal só consta que achegou os profesionais, contratados especificamente para tal prestación, sen que estea acreditado que tal sociedade realice ningunha outra achega concreta, persoal ou material, ao desenvolvemento da actividade", indica o tribunal na resolución.
O TSXG resalta que os facultativos codemandados "se integraban na estrutura de Sanatorio Cirúrxico Modelo SL, en cada un dos hospitais, dentro da súa organización e conxuntamente con outro persoal do centro, mesmo do mesmo servizo". Ademais, subliña que non consta que Gineglobal "achegase efectivamente outro persoal distinto dos médicos codemandados".
Os maxistrados tamén recalcan que "non quedaba ao pleno arbitrio dos facultativos cando desenvolver a súa actividade (pois debían cubrir 24 horas ao día, 365 días ao ano) como organizarse, nin onde desenvolvela".
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.