O PSdeG aproba o calendario para a elaboración das súas listas, que serán definitivas o 28 de febreiro

O Comité Nacional dará luz verde o 27 de febreiro ás candidaturas, que terán novos cabezas de lista en todas as provincias..

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 19/02/2020 | Actualizada ás 14:58

Comparte esta noticia

O Partido Socialista de Galicia aprobou o calendario para a elaboración das candidaturas que presentará ás eleccións autonómicas do 5 de abril polo catro provincias galegas.

O documento, ao que tivo acceso Europa Press, fixa entre o 23 e o 25 de febreiro o prazo para que as asembleas municipais formulen as súas propostas de candidatos. Tras iso, o día 26, serán as comisións executivas provinciais as que trasladen as súas respectivas propostas de listas.

As propostas saíntes destes órganos serán abordadas o día 27 pola Comisión Nacional de Listas. O calendario sinala que este órgano consultará ao portavoz parlamentario, o tamén líder do PSdeG Gonzalo Caballero, para posteriormente emitir a proposta de candidatura para cada circunscrición.

Ese mesmo día, o Comité Nacional do PSdeG procederá a aprobar tanto as candidaturas ao Parlamento de Galicia como as bases do programa electoral para que o 28 de febreiro sexan definitivas tras o visto e prace da comisión federal de listas.

Precisamente, para a cita electoral, a dirección do Partido Socialista de Galicia encargou ao senador Xoaquín Fernández Leiceaga a elaboración do texto co que os socialistas galegos se presentarán á cita electoral.

NOVOS CABEZAS DE LISTA NAS CATRO PROVINCIAS

O xefe de filas dos socialistas galegos e candidato á Presidencia da Xunta, Gonzalo Caballero, será a cabeza de lista pola provincia de Pontevedra. Pola súa banda, prevese que as candidaturas nas restantes provincias conten con novos cabezas de cartel.

O secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes, José Luís Ábalos, saúda xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero
O secretario de Organización do PSOE e ministro de Transportes, José Luís Ábalos, saúda xunto ao secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero | Fonte: EP

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta