Os demos nazis e os demos de hoxe

As atrocidades nazis, os fundamentalismos relixiosos ou os sinsentidos das guerras forman parte das ensinanzas de Erra, a protagonista de 'Marcas de nacemento', unha obra de Nancy Huston editada por Rinoceronte. Crítica de Manuel Rodríguez.

Por Manuel Rodríguez Alonso | Cangas | 07/10/2012 | Actualizada ás 12:12

Comparte esta noticia

Título: Marcas de nacemento

Nancy Huston radiografía a unha familia na súa novela
Nancy Huston radiografía a unha familia na súa novela

Tradución: David Gippini Fournier

Corrección: Susana Collazo

Editorial: Rinoceronte

Lugar de edición: Cangas do Morrazo

Ano: 2012

Páxinas: 294 páxs.

Nancy Huston artella nos catro bloques desta novela o proceso da procura de identidade, de quen é realmente, dunha cantante: Erra. Ao longo da novela, Erra ten distintos nomes Klarysa, Kristina… ata que descobre a súa verdadeira identidade e adopta o nome definitivo de Erra. Na procura desta identidade o lector acabará por dar de fociños co célebre Plan Lebensborn (Plan Fonte de Vida), que consistiu en que máis de 200 000 nenos lles foron roubados aos seus pais en países como Polonia ou Ucraína para seren levados a Alemaña e seren educados por familias alemás dentro dos principios do nacinalsocialismo, posto que estes rapaces tiñan as supostas características raciais dos arios e non podían ser educados en países do Leste. 

A autora ten o acerto de estruturar a novela en catro bloques ou partes, narradas  desde a perspectiva de catro cativos de seis anos en diferentes momentos históricos, mais que se corresponden con catro conflitos bélicos: o de Irak de 2004, o de Israel de 1982, o de Vietnam dos sesenta e o final da II Guerra Mundial.

O núcleo ou cerna da novela está formado pola historia de Erra e mais  o arrepiante Plan Fonte de Vida  dos nazis. Mais, a autora presenta outras tres guerras que nos fan ver que moitos dos demos dos nazis seguen a andar soltos, aínda que ao mellor non nos decatemos. 

O primeiro bloque enfróntanos cos demos da guerra de Irak e arrepía ver como o pai do neno narrador ten como obxectivo conseguir algo que nin os nazis conseguiron: un robot guerreiro que nin sinta nin padeza á hora de matar ou cumprir ordes. É a superación da impasibilidade e falta de emocións que se lles pedía aos membros das SS.

En definitiva, a novela é unha lección sobre a arrepiante loucura nazi, mais pon a un nivel semellante outras ideoloxías que coidan estar en posesión da verdade ou que poden dicir que é bo e que é malo, cal é o Ben (habitualmente eles) e cal é o Mal (indubidablemente sempre os outros). Desde xeito, o lector sae da lectura da novela coa impresión de que o nazismo foi máis que arrepiante, mais tamén asusta a loita contra o Imperio do Mal de Bush, o fundamentalismo musulmán ou o sionismo.

Mais a novela é moito máis. Ao presentarse cada un dos bloques desde a perspectiva dun cativo de seis anos asistimos aos procesos de educación que reciben os rapaces cara a 2004, 1982, os anos sesenta ou mesmo na Alemaña nazi. Eu gocei especialmente coa ironía e humor con que se trata a educación politicamente correcta dos cativos que non poden oír berrar os pais, deben descoñecer o fenómeno da morte, mais que despois se enchen de ver imaxes de violencia en internet ou oen como os pais glorifican as fazañas dos guerreiros de Bush ou do sionismo.

Acerta así mesmo a autora cando nos presenta todas as guerras e conflitos, mesmo os que os actuais medios de comunicación fan pasar por xustos, como froito da intolerancia e, en realidade, como novos episodios de nazismo, aínda que enmascarados pola acción dos medios de comunicación e mesmo a visión da historia que ofrece o ensino. A este respecto cómpre ler como se lles explica aos rapaces o xurdimento do Estado de Israel segundo se faga nunha escola ou familia sionista ou palestina.

Dá no albo a novelista ao nos ofrecer dous tipos de personaxes moi rechamantes neste relato. Por unha banda, os fanáticos dunha ideoloxía, como pode ser Sadie co sionismo, que incluso mostra o fervor do converso, ou como os que están manipulados pola propaganda dos medios ou do ensino: os alemáns que acollen nenos da operación Fontes de Vida) ou a ama de casa americana Tessa, que cre todo o que di a propaganda de Bush. Pola outra banda, están os personaxes tolerantes, que todo o relativizan e que amosan un gran respecto cara aos que son diferentes, representados pola propia Erra ou o pai de Randall, Aron.

Cómpre dicir ademais que o argumento está moi ben levado, cunha moi boa graduación da íntriga, de tal xeito que o lector vese impelido a ler para tratar de atopar o desenlace, que só se resolve nas derradeiras páxinas do libro e que ten un carácter sorpresivo, que o deixa moi satisfeito.

En canto á linguaxe, cómpre salientar o bo galego que acadaron tanto tradutor como correctora. Tanto tradutor como correctora están ao tanto das últimas escollas académicas, do dicionario dixital da RAG de 2012, pois empregan desfrutar (agora admitido pola RAG, aínda que prefira neste caso gozar, páx. 90), danlle o xénero feminino a peluche (páx. 21), usan engalar e non *despegar (páx. 70), eslamiado (páx. 51) e non *soso ou solleiro (páx. 15) e non soleado. Non obstante, incorren no castelanismo de empregar explotar no canto de estoupar, estourar (páxs. 28, 40). No eido da fraseoloxía resultan castelanistas dar a lata (páx. 70), rexeitada pola RAG, e a toda présa.

Xa que logo, aconsellamos a lectura desta novela non só porque nos enfronta de cara con esa aberración que foi o nazismo, mais tamén con outras aberracións actuais como os fundamentalismos cristián, musulmán ou sionista. Ademais, o argumento resulta moi entretido e nunca decae o interese do lector. Tamén poderemos rir nas ocasións en que a autora se burla da pedagoxía politicamente correcta ou coa idea tola dos pais e nais de controlaren todo o que fan os fillos, sen se decataren de que estes teñen unha vida de seu, que non ten por que coincidir co que teñen proxectado para eles pais e nais. Tampouco é de esquecer a lección de tolerancia que se desprende de personaxes como Arón ou Erra, especialmente nestes tempos tan dados a fundamentalismos de todas as cores. 

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta