Feijóo di que “xa está acostumado” ás denuncias contra o Sergas tras a morte dun home en Urxencias

“Hai xente que utiliza o posible e o imposible simplemente para facer dano político”, di das críticas que fan pacientes e médicos polo deterioro da sanidade.

Por Galicia Confidencial | Compostela | 20/02/2020 | Actualizada ás 15:25

Comparte esta noticia

Hai uns dias a Fiscalía abría dilixencias pola morte dun paciente nos corredores do Hospital Universitario de Santiago (CHUS). A denuncia foi interposta polo sindicato médico O'Mega ante a situación de saturación que se padece en Urxencias. Pero, a pesar destas críticas, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo contestaba este xoves que “xa está acostumado” a este tipo de denuncias.

Pacientes nos corredores das Urxencias do CHUS.
Pacientes nos corredores das Urxencias do CHUS.

Estamos acostumados ás denuncias e mesmo ás denuncias por homicidio involuntario a médicos do Sergas”, respondía na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta ao ser preguntado por Galicia Confidencial. De feito, e a pesar de que a denuncia ante a Fiscalía foi dun sindicato médico, Feijóo dixo que é “electoralista” e que, curiosamente, vai en contra de médicos e das familias que o que tentan é buscar resposta á morte dun ser querido.

“Lamento que se utilice unha cuestión política contra familias, conta médicos, contra o seu honor, e o seu compromiso coa sanidade. Lamento profundamente que haxa médicos que estean metidos nesta loita disparatada da sanidade que vivimos no noso país”, destacou.

SON OS MÉDICOS OS QUE PROTESTAN

Foi o sindicato médico O´ Mega o que presentou na Fiscalía unha denuncia contra a xerencia do CHUS polo falecemento dun paciente nas urxencias do hospital tras pasar unha hora nos corredores deste servizo. E fíxoo a médica presente en Urxencias ese día.

Segundo O´ Mega, ao ser clasificado coa pulseira amarela, o paciente debía ser atendido nun prazo máximo dunha hora e non colocado nun corredor. Fátima Nercellas, membro do sindicato e a facultativa que confirmou o falecemento, asegurou que “os corredores non son un lugar de traballo dos médicos”. Ademais suliñou que “o día dos feitos a dirección estaba avisada destas circunstancias”.

Pero para Feijóo este tipo de denuncias de pacientes e médicos é porque “hai xente que utiliza o posible e o imposible simplemente para facer dano político a través de persoas que o que fan é traballar en Urxencias ou nunha comisión de medicamentos no caso da hepatite C ou en calquera outra comisión”.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta