Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 21/02/2020 | Actualizada ás 17:25
A portavoz nacional do BNG e candidata á Presidencia da Xunta, Ana Pontón, referiuse este venres ao acordo histórico entre Euskadi e o Estado que permite completar o Estatuto de Gernika coa transferencia das 32 materias pendentes recollidas nel, entre elas a xestión económica da Seguridade Social. "O centralismo é letal para o noso país", subliñou.
"O Estatuto de Autonomía actual de Galicia xa recoñece que a xestión da Seguridade Social deberíase facer desde Galicia", lembrou a portavoz do BNG nun almorzo informativo en Pontevedra.
Pontón asegurou que o Bloque Nacionalista Galego conseguiu cun acordo de investidura con máis compromisos co país que o popular Alberto Núñez Feijóo en once anos. Así, asegurou que o seu é "un mandato de resta onde non foi capaz de defender os intereses do país".
Así mesmo, criticou que "agora en campaña se queira envolver na bandeira de Galicia" e se poña "en modo Feijóo Calimero, chorando polas esquinas".
Para a portavoz do BNG, Núñez Feijóo "estivo sempre antepondo os intereses do seu partido" e apuntou que a súa etapa á fronte da Xunta foi "unha presidencia de submisión, primeiro a Rajoy e agora a Casado".
Así, cualificou de "insultante" que Núñez Feijóo non conseguise nin reclamase durante once anos á fronte do Goberno ningunha nova competencia para Galicia, sendo "cómplice", engadiu, de recortes e recentralizacións e "xogando ao centralismo máis rancio e máis cutre", matizou.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.