Días de 'xolda entroideira' en Verín

Pasado o desfile infantil e as ceas de mulleres no 'xoves de comadres', e despois do "venres de compadreo', preséntanse por diante 4 días de festa nos que as rúas desta vila serán un auténtico espectáculo. Paralelamente, o concello vén de anunciar a restauración dunha das caretas máis antigas das que foron patroneadas gran parte das figuras do entroido ourensán.

Por X.M. Fernández | Verín | 22/02/2020 | Actualizada ás 12:00

Comparte esta noticia

A xolda secuestrará Verín esta semana cunha programación festiva a proba de incombustibles que case non deixará opción ao respiro ata rematado o martes de entroido. 

Ambiente do Entroido en Verín. Foto: Prensa concello
Ambiente do Entroido en Verín. Foto: Prensa concello

O sábado 22, ademais do pasarrúas 'Charangueiro' matinal, cómpre tomar nota do “Bautizo do Cigarrón”, momento solemne e esperado polos novos cigarróns no que estes serán investidos por primeira vez, na Praza da Mercé ás 17:00 h.

Ás 18:00 horas, a Praza da Mercé acollerá un divertido baile de capuchóns e mascaritas, amenizado pola Discomóbil Son de la Nuit, e xa pola noitiña o esperado "circuíto de charangas", un roteiro musical 'non stop' que arrincará na rúa Montemaior para continuar polas rúas Lisa, da Cruz, do Pozo, Praza do Cigarrón, do Pozo e rematar na Praza da Mercé.

A partir das 00:00 horas, diversión musical coa charanga Bicoia e a continuación coas orquestras Huracan e Nebraska.

O domingo 23, día grande do entroido en Verín, a partir das doce terá lugar o desfile. Cigarróns, comparsas e carrozas, percorren o centro da vila ofrecendo aos asistentes un espectáculo cheo de cor, orixinalidade e humor que se prolongara ate a hora de xantar. Contará coa animación musical das charangas Los Támega, Vai de Baile, Jalácticos, Terra de Trives e Fuego.

O alcalde, Gerardo Seoane, coa mázcara da Xironda. Foto: Prensa concello
O alcalde, Gerardo Seoane, coa mázcara da Xironda. Foto: Prensa concello

Pola tarde un novo circuíto de charangas animará as rúas da vila do Támega. Arrincará na rúa Montemaior para continuar polas rúas Lisa, da Cruz, do Pozo, Praza do Cigarrón, do Pozo e rematar na Praza da Mercé. A verbena correrá a cargo das orquestras Capitol e Garibaldi, na Praza Maior ata entrada a madrugada.

Chegamos ao luns 24, día no que haberá animación de rúa pola mañá e un entroido infantil a partires das 16:30 h. con obradoiros, xogos e karaoke no Pavillón Municipal de Deportes. Paralelamente, no Centro da Terceira Idade da Alameda haberá un divertido baile de entroido coa Charanga Támega.

A partir das 19:00 horas a festa virá da man das orquestras Nevada e D Moda na Praza Maior, onde os asistentes disfrutarán coa degustación de dous dos tradicicionais productos gastronómicos típicos do Entroido: empanada e bica. 

Para o martes de entroido, e rematando a gran troula destes días, pola mañá haberá animación musical de rúa e a partir das 16:30 h. da tarde poderase gozar do derradeiro desfile repleto de máscaras, disfraces e grandes doses de humor e música 'charangueira'. O fin de festa na Praza Maior coas orquestras Miramar Finisterre.

A CARETA DO CIGARRÓN

Con motivo do comezo da semana grande do Entroido en Verín, o Museo Claustro Mercedario adiantou a publicación da súa Peza do Mes de marzo para achegar ao público a historia dun elemento clave no traxe do cigarrón, a súa careta.

Esta elección coincide con dúas cesións de pezas ao pobo de Verín: por un lado, unha careta de cigarrón contemporánea cedida por Juan Castro e, doutra banda, unha antiga mázcara, cedida por Domingos Coello Álvarez, provinte da Xironda e da que se patronearon ao longo do século XX gran parte das caretas do val de Monterrei, incluíndo cigarróns de Verín, peliqueiros de Laza e mesmo os felos de Maceda.

O Museo e o Concello de Verín asumen a súa restauración durante esta cesión e expoñerá as dúas caretas no Museo Claustro Mercedario ilustrándoas cun folleto interpretativo e outorgándolles un lugar privilexiado na sala de exposicións durante o vindeiro mes de marzo. Aqueles que se acheguen ata a mostra poderán observar, de primeira man, as diferenzas e similitudes nestas pezas que son unha auténtica testemuña de todo un século de evolución.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta