A plataforma Contraminacción denuncia que a Xunta autoriza unha depuradora en San Finx para amparar "verteduras"

A Consellería de Infraestruturas declara que é unha experiencia piloto e remarca que "non se trata dunha autorización de vertedura, senón que se trata de mellorar o que se produce na actualidade".

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 21/02/2020 | Actualizada ás 20:43

Comparte esta noticia

Augas de Galicia emitiu unha autorización provisional para a instalación dunha depuradora co fin de mellorar a calidade de augas depositadas no espazo da antiga mina de San Finx, no municipio coruñés de Lousame, e que "se verten na actualidade".

Diso informou a Europa Press a Consellería de Infraestruturas, que explica que é unha experiencia piloto, mentres remarca que "non se trata dunha autorización de vertedura nin se asocia a ningunha vertedura nova, senón que se trata de mellorar o que se produce na actualidade".

En cambio, a plataforma Contraminacción denuncia que a Xunta dá luz verde a unha "autorización encuberta" para "verteduras" baixo "o eufemismo de medidas cautelares". Nun comunicado, Contraminacción sostén que esta medida "implica, ademais, amparar a ocupación da canle natural do río con dúas novas balsas de residuos mineiros construídas ilegalmente en 2011".

Nesta liña, a plataforma censura que a autorización "non só é ilegal ao darse no marco dun procedemento cuxo prazo de resolución finalizou fai tres anos e que, por tanto, está caducado"; senón que mostra a "conivencia" da Xunta coa mineira.

"A mineira leva anos vertendo de forma ilegal sen que se incoase un só procedemento sancionador, a pesar de constatarse que os altos niveis de cadmio, cobre e cinc presentes no río son resultado directo das verteduras da mina", sostén Contraminacción. Por iso, anuncian accións legais contra Augas de Galicia.

DURANTE DOUS MESES

En cambio, o Goberno galego asegura que se trata dunha autorización durante dous meses co fin de tratar "unha pequena parte do caudal" saínte da mina e poder comprobar se se conseguen os niveis de cadmio conformes á normativa.

Ademais, sostén que esta autorización "non vai causar prexuízos" ao medio ambiente, á vez que estas medidas provisionais "non alteran a situación actual existente na antiga explotación" e "non supón a realización dunha nova vertedura".

A presa da mina de San Finx en Lousame (A Coruña). CONTRAMINACCIÓN - Arquivo
A presa da mina de San Finx en Lousame (A Coruña). CONTRAMINACCIÓN - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta