Sánchez desembarca en Galicia para lanzar a candidatura de Caballero: "A hora do cambio chegou"

"Eu non escondo as siglas da miña organización", deixou claro Gonzalo Caballero que, con Pedro Sánchez, acusaron ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de ocultar as siglas do Partido Popular, que o secretario xeral do PSOE vinculou coa "corrupción" e a "confrontación".

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 23/02/2020 | Actualizada ás 19:37

Comparte esta noticia

O líder do Partido Socialista e presidente do Goberno, Pedro Sánchez, desembarcou este domingo en Galicia para dar un impulso á candidatura de Gonzalo Caballero ás eleccións autonómicas galegas que terán lugar o próximo 5 de abril.

"A hora do cambio chegou e Gonzalo Caballero será o próximo presidente da Xunta", subliñou o xefe de filas dos socialistas na súa visita a Galicia e ante unhas 1.500 persoas que se deron cita no pavillón Multiusos Fontes do Sar, en Santiago de Compostela.

Cunha calma interna e un optimismo no PSdeG que contrasta cos momentos vividos tras a dimisión o seu anterior secretario xeral (José Ramón Gómez Besteiro) e a posterior etapa cunha xestora provisional á fronte do partido, os socialistas galegos quixeron demostrar este domingo que están preparados para "devolverlle a esperanza aos galegos e galegas", tal e como asegurou o propio aspirante á Xunta, Gonzalo Caballero.

"Quero ser o presidente do cambio", proclamou o tamén secretario xeral dos socialistas galegos momentos antes de que Pedro Sánchez lembrase a súa etapa como asesor do PSdeG na campaña de 2005 que elevou ao socialista Emilio Pérez Touriño, presente este domingo no Multiusos Fontes do Sar, á Presidencia da Xunta.

"ÍMOLO LOGRAR, GONZALO"

"De todos estes anos de militancia hei de dicir que unha das campañas máis bonitas, que mais gocei, na que máis ilusión todos tivemos, foi a campaña que fixo posible o cambio que protagonizou Emilio Pérez Touriño", sinalou para asegurar que o próximo 5 de abril o cambio "vai chegar" a Galicia e que Gonzalo Caballero será o próximo presidente da Xunta. "Ímolo lograr, Gonzalo; ímolo lograr", incidiu Sánchez, que definiu ao candidato galego como "un gran socialista".

Ademais da mención expresa do presidente do Goberno, ao longo do acto foron moitas as referencias á campaña de 2005 e á etapa de Touriño como máximo mandatario autonómico. De feito, na súa intervención, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, asegurou que a etapa do expresidente socialista da Xunta foi "a máis brillante da historia de Galicia".

O tamén presidente da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) erixiu ao seu sobriño na "esperanza de Galicia". "A Galicia que queremos, a que sentimos, ímola a facer con Gonzalo como artífice para que Galicia recupere os tempos que perdeu", destacou.

Nun discurso no que se emocionou ao falar dos seus fillos e ao lembrar que leva dous anos envorcado no PSdeG, Gonzalo Caballero quixo presentar a súa candidatura subliñando o seu compromiso coa Comunidade galega: "Galicia é o meu compromiso. Só poño por encima de Galicia aos meus fillos, e traballar polos meus fillos é traballar por Galicia".

"O MILITANTE MÁIS DÍSCOLO"

Ademais, tras aparcar as notas que levaba preparadas, o político vigués fixo un repaso polo seu currículo e lembrou que cando cumpriu 18 anos afiliouse ao "gran partido" que, na súa opinión, é o PSOE. "Durante 20 anos fun militante de base e ás veces o máis díscolo da casa", manifestou en referencia á súa época como un dos rostros máis visibles do sector crítico do PSdeG, especialmente na agrupación de Vigo.

Con todo, subliñou que sempre exerceu a política "con lealdade", "con criterio propio" pero "comprometido" coa organización. "Eu non escondo as siglas da miña organización", deixou claro nun mitin no que tanto el mesmo como Pedro Sánchez acusaron ao líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de ocultar as siglas do Partido Popular, que o presidente do Goberno vinculou coa "corrupción" e a "confrontación".

Interrompido en ocasións por aclamacións de "presidente, presidente, presidente", Caballero pronunciou un discurso de marcado carácter emotivo no que dixo que cre nun "galeguismo integrador" e que "sente a Galicia", pero sen ser nacionalista. Ademais, reafirmouse como "feminista", porque o seu partido ten "un compromiso claro cos dereitos das mulleres". Caballero tamén fixo unha chiscadela a Sánchez, sentado fronte ao atril, para marcarse o reto de trasladar as súas políticas "de progreso" á Xunta tras o 5 de abril.

PRESENZA DE POSIBLES CANDIDATOS

Ao mitin, que arrincou coa intervención do rexedor de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acudiron diversos alcaldes socialistas e os presidentes das deputacións da Coruña, Lugo e Pontevedra, Valentín González Formoso, José Tomé e Carmela Silva, respectivamente.

Así mesmo, asistiron algúns dos socialistas que soan para conformar as listas que o PSdeG presentará ás autonómicas polas catro provincias galegas. Deste xeito, estivo presente o vicesecretario xeral do PSdeG, Pablo Arangüena, que encabezará a lista pola Coruña, candidatura para a que tamén soa a edil compostelá, Noa Díaz. Tamén se puido ver á secretaria xeral dos socialistas lucenses, Patricia Otero, ou a actual parlamentaria autonómica por Ourense, Noela Branco.

(I-D) O candidato do Partido Socialista Galego á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, xunto ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante o acto de presentación da candidatura, en Santiago de Compostela a 23 de febreiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press
(I-D) O candidato do Partido Socialista Galego á Xunta de Galicia, Gonzalo Caballero, xunto ao presidente do Goberno, Pedro Sánchez, durante o acto de presentación da candidatura, en Santiago de Compostela a 23 de febreiro de 2020.. Álvaro Ballesteros - Europa Press

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 Catarina

Que lle pasou á filla de Cefe, como ela mesma se define? Non lle serviu de moito a imposición de asento de Gonzalo Caballero? Os méritos en política non deben ser ser "filla de" ou "amiga de" señora, hai que traballar, saber xestionar, ter experiencia máis alá do postiño da USC... pero claro, vén vostede da man de que vén e iso a militancia non o tolera! Ánimo, seguro que lle darán outro carguiño, ou memso pode ficar co quen ten e facer un bo labor!

1 Gamela

Como Aznar siga movendo ao títere de Casado igual o PSOE xa non ten siquera que facer campaña electoral... Carlos Iturgaiz + Ciudadanos (?) ¿Cantos votos van sacar en Euskadi? Coidado con VOX cada día que pasa van ter máis votantes cabreados do que algúns pensan !