Noriega asegura que o acordo con Podemos e EU "recolle o legado" dos últimos anos e non desvela se irá en listas

"Pero eramos conscientes de que a demanda da cidadanía implicaba estar á altura das circunstancias", sinalou o exalcalde de Santiago, que puxo en valor o exercicio de "xenerosidade" das partes e asegurou que o acordo supuxo unha "mala noticia" para Feijóo.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 24/02/2020 | Actualizada ás 14:21

Comparte esta noticia

O edil de Compostela Aberta e exalcalde de Santiago, Mariño Noriega, asegurou que o acordo alcanzado con Podemos e Esquerda Unida para as eleccións autonómicas do 5 de abril "recolle o legado" dos últimos anos e non desvela se finalmente irá nas listas, decisión que deixa en mans da súa organización e das mareas municipalistas.

Nunha entrevista concedida á Televisión de Galicia (TVG) e recollida por Europa Press, Noriega recoñeceu que o proceso para chegar ao acordo foi "complicado" na medida na que había que reflectir "dúas almas dun espazo construído desde o 2012".

"Pero eramos conscientes de que a demanda da cidadanía implicaba estar á altura das circunstancias", sinalou o exalcalde de Santiago, que puxo en valor o exercicio de "xenerosidade" das partes e asegurou que o acordo supuxo unha "mala noticia" para Feijóo.

Ademais, preguntado sobre se el ocupará algún posto nas listas para as autonómicas, asegurou "non é unha cuestión pechada" e que a súa "opinión persoal" terá que ser "conciliada". "Corresponderalle ao espazo de Anova dentro da colación e ás mareas, os compañeiros municipalistas, decidir cales son os mellores cadros de homes e mulleres que poden estar na coalición", apuntou.

"E creo que nestes momentos, e non o digo por escurrir o vulto, temos unha candidatura unitaria, complementaria ás que poden presentar PSdeG e BNG, unha candidatura de impugnación que recolle o legado destes anos", puxo en valor. Por iso, mostrouse convencido de que todos os actores estarán "a empuxar" en "maior ou menor medida" independentemente da súa presenza nas listas. "Porque o reto non é menor", manifestou.

"PROXECTO COMÚN"

Pola súa banda, a concelleira do Concello de Santiago Marta Lois (Compostela Aberta) valorou que o pasado venres se puidese articular un "proxecto común" para pechar unha coalición entre Podemos, Anova, Esquerda Unida e as mareas municipais coa que buscar un "cambio político" en Galicia.

A preguntas da prensa este luns en rolda de prensa, Marta Lois destacou o "proceso de diálogo" levado a cabo para esta coalición "nun momento tan importante para o país". "Aí estará Compostela Aberta para dicir non ás políticas de Feijóo", afirmou.

E é que defende que as organizacións de esquerda "teñen que estar en pé" para un "cambio político" co fin de que "os recortes" do Goberno de Alberto Núñez Feijóo "poidan quedar atrás". Preguntada sobre se irá nas listas ás eleccións autonómicas na coalición, Marta Lois limitouse a dicir que se está nunha fase "aínda moi temperá" e actualmente céntrase no seu traballo de "concelleira".

O portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega
O portavoz de Compostela Aberta, Martiño Noriega

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 2 comentarios

2 minifundirmo

Sempre pode presentarse ás eleccións madrileñas

1 Gamela

Ao BNG saiulle o tiro pola culata ! Morto Villares, resucita a Revolta Inrmandiña ! Ho ho ho ! Se non foran parvos Martiño debera ir de número dous por Pontevedra (a circunscripción que sempre regala os votos!)