"As enquisas infravaloraron sistematicamente ao PPdeG"

Que leva a Carlos Neira, consultor especializado en enquisas, a dicir que non se dan as condicións para un cambio na Xunta? GC charla co consultor para tratar de deitar luz sobre algúns mitos demoscópicos, como que a baixa participación sempre favorece á dereita.

Por Walter Burns | Santiago | 11/10/2012 | Actualizada ás 08:00

Comparte esta noticia

Carlos Neira Cortizas é unha das persoas que máis sabe sobre barómetros electorais no país. Ademais de traballar uns anos facéndoos para Sondaxe e outras consultoras, leva máis dun lustro avaliando enquisas no seu blogue Calidonia, no que vai diseccionando os sucesivos estudos desta precampaña e debullando a súa fiabilidade.

Carlos Neira Cortizas nunha imaxe do Consello da Cultura Galega
Carlos Neira Cortizas nunha imaxe do Consello da Cultura Galega

Na súa opinión, as enquisas actuais e os datos históricos indican que non é factible que o PP perda o poder o 21 de outubro. As razóns do avance do centralismo entre os galegos e a suposta 'cociña' dalgúns estudos son algúns dos outros temas desta conversa.

Tras debullar polo miúdo a enquisa do CIS vostede conclúe que "non se dan as condicións que poderían soster un cambio de goberno". Podería explicar brevemente porque chega a esa conclusión?

En Galicia hai varias condicións que deben presentarse de forma concomitante para podermos falar dun escenario de cambio de goberno a favor da esquerda e por razón das urnas. Se analizamos os resultados históricos das eleccións autonómicas podemos ver que son necesarias varias condicións que non se dan neste intre: unha concentración do voto nas principais forzas, a existencia dun goberno de esquerda en Madrid, a existencia dunha maioría de alcaldías de esquerda nas principais cidades e vilas galegas... Non se cumpre nin un só destes requisitos. Por outro lado, se analizamos a evolución das enquisas, neste caso as do CIS, tamén precisamos unha longa serie de condicións que non aparecen por ningures: intención de voto ou voto decidido para o PP inferior á da suma do resto de forzas para as que se proxecta representación parlamentaria, fidelidade de voto superior nas forzas da oposición, necesidade de cambio expresada por unha maioría cualificada das persoas entrevistadas, aceptación ampla dun goberno de esquerdas a varias bandas, valoración do labor de oposición e dos candidatos da esquerda próxima ás da xestión do goberno e do seu presidente... Tampouco se verifica ningunha destas hipóteses. En termos electorais e á marxe dos condicionantes socioeconómicos, o escenario máis próximo no que, como agora, tampouco se daba ningunha destas condicións é o da convocatoria do 2001, cando Fraga acadou 41 escanos e BNG e PSOE empataron a 17. Ese é aproximadamente o nivel co que Feijoo comezou a campaña.

Daquela, que o que está en desputa nestes comicios?

O único que se xoga nestas eleccións é unha reconfiguración da oposición parlamentaria, o cal era ben sabido por todas as forzas da esquerda desde hai ben tempo. Tentouse transmitir por diferentes medios (con mobilizacións na rúa, en columnas de opinión, espremendo a idea do adianto electoral desde hai máis dun ano) que era posible derrotar a Feijoo, pero a situación real era que o PP gozaba dunha posición mellor que a dos mellores tempos do fraguismo. Fronte a isto a esquerda galega, desde a súa derrota en 2009, é incapaz de ler a nosa realidade e prefire seguir alimentando as crenzas dos xa convencidos coas formas dunha cultura política caduca. Tanto ten que sexan novas forzas ou vellas forzas. Todas elas teñen unha enorme responsabilidade na carencia dunha alternativa electoral e política real ao PP en Galicia. Iso é o que, salvo sorpresas, se porá en evidencia a noite electoral e o que todas elas tentarán pasar por alto poñendo de relevo outros aspectos secundarios.

Nesa análise tamén cualifica como "o dato máis preocupante" a importante suba de cidadáns que aposta pola recentralización. Semella que a principios dos noventa a idea de facer máis forte ao Estado tiña máis peso, para perdelo logo durante os anos de crecemento. Daquela en Galicia hai relación entre mala situación económica e tendencia dos cidadáns a un Estado máis centralizado?

Que en Galicia, ao igual que ocorre no conxunto de España, por primeira vez haxa máis partidarios da recentralización que da descentralización, é un dos fenómenos sociopolíticos de fondo máis importantes dos últimos anos. Só a través das enquisas podemos medilo e por tanto detectalo e avalialo, cousa que as forzas políticas galegas prefiren obviar, especialmente as nacionalistas, empeñadas en dar cobertura a ideoloxías sobre a forma de Estado que en Galicia son marxinais, que están por baixo do 5% de apoio, en vez de artellar propostas distintas que lles permitan conectar coas demandas de faixas máis amplas do electorado sen abandonar posicións nacionais. Agora mesmo Galicia non é tan recentralizadora como o conxunto de España -incluíndo nela ao nacionalismo vasco e catalán- pero é tan descentralizadora que o resto. A diferenza é que nós somos máis autonomistas. Naturalmente esta situación revelada polo CIS é reversible, pero son movementos de longo prazo e precisaranse novos discursos sobre a imbricación de Galicia en España para que as preferencias da poboación invirtan a tendencia actual. Persoalmente gustaríame coñecer cal é a posición das diferentes forzas nacionalistas que se presentan ás eleccións autonómicas sobre esta cuestión.

Pero como inflúe a crise no debate centralismo/descentralización?

Sobre os condicionantes socioeconómicos é evidente que existen e que a crise económica, o café para todos autonómico, a xestión da Autonomía galega como se fora unha Deputación ou un Concello, e a carencia de propostas do nacionalismo para a maioría social de Galicia están detrás da consolidación desta visión recentralizadora e reducionista do Estado, no administrativo pero tamén no político. Agora que tras décadas sen unha política fiscal digna de merecer ese nome xa non hai fondos para xestionar de forma discrecional e non planificada é en certo modo normal e xusto que o que demanda a xente sexa simplificar a administración. En calquera caso habería que preguntarlle ao presidente de España por que deixou intactas as deputacións, e ao de Galicia onde están as tan publicitadas como inexcusables fusións municipais. Noutro plano, a impresión que ten un é que estes cambios estruturais habería que telos acometido en época de bonanza económica, para agora non termos que estar arrepentíndonos de que se cuestione a Autonomía.

As enquisas do CIS son as que teñen máis mostra en Galicia, aínda que non chega aos 4.000 enquisados. Son historicamente as enquisas deste ente público as que máis acertan en Galicia e porque?

As enquisas cunha maior mostra para as eleccións autonómicas galegas son en realidade as de Sondaxe para La Voz de Galicia, pois levan realizando desde 1997, que eu lembre, un tracking electoral. Neles, durante toda a campaña, incluíndo os días nos que a estúpida lexislación actual impide publicar enquisas, teñen feito máis de 20.000 entrevistas telefónicas. Sumando as enquisas que nunha campaña electoral fan todas as empresas é plausible que se entreviste, con repeticións, a máis do 2% do censo electoral galego. Fóra diso, é certo que as do CIS son as mostras máis grandes, coa diferenza de que o seu traballo de campo é persoal e non telefónico.

Daquela, se nos temos que fiar dunha, mellor a do CIS ...

Cando analicei os efectos caseiros das empresas e institutos demoscópicos en Galicia afirmei que o CIS era a que mellor representaba ao conxunto das enquisas. Isto significa que ocupa unha posición central e privilexiada entre elas, e que en media non sobrevalora nin infravalora a ningunha opción política particular, pero, e isto é matiz importante, relativamente a todas as enquisas, non ao resultado electoral. Ocorre que as cociñas e os modelos de estimación, como instrumento para realizar previsións, consideradas globalmente, fallan. E por iso algunhas enquisas que si cometen desvíos a respecto da media acaban acertando, mesmo sendo as que peor metodoloxía e calidade teñen. Na miña opinión cómpre diferenciar entre enquisas, coa súa fotografía da intención de voto no intre concreto en que se realizan, e estimacións ou modelos de voto que realizan prognósticos a días ou meses da cita coas urnas.

Os anteriores comicios todas as enquisas, salvo unha de La Región, situaban ao PP fóra da maioría absoluta, que logo si conquistou. Agora case todas falan de que Feijóo acadaría a maioría, con mínimo 38 deputados. Daquela, tirando da experiencia do 2009, o que cómpre esperar é que o PP o 210 suba en escanos até mínimo os 39, non?

Esa enquisa low cost de Infortécnica para La Región é precisamente o exemplo ao que me refería antes. O que os meus estudos poñen de manifesto é que nos últimos 15 anos as cociñas demoscópicas en Galicia fallan no seu conxunto e infravaloraron sistematicamente ao PP, do mesmo xeito que sobrevaloraron sistematicamente ao nacionalismo, tamén as do CIS. O que ocorre é as enquisas do CIS son, cos seus poucos defectos, case todos atribuíbles á cociña, as que teñen maior calidade e posúen un historial máis longo que nos permiten facer comparacións e análises evolutivas.

No GC percíbese cada vez que se publican os datos dunha enquisa electoral, inmediatamente os seareiros do partido que non obtén o esperado no estudo acusan aos autores da enquisa de cociñala. Se se publica unha ficha técnica completa que reflicta unha mostra relevante, existe realmente marxe para cociñar unha enquisa electoral en función dos intereses de cada medio?

Acontece que nunhas eleccións hai moitos intereses en xogo, e predomina o fanatismo sobre a reflexión e o sentimento sobre o raciocinio. Iso provoca reaccións fóra de ton que en moitos casos son alentadas polos propios líderes, sabedores de que están apelando aos impulsos e desexos da xente e non á súa cabeza e ás súas expectativas. Tamén se verifica que canto máis distancia hai entre a realidade e a ideoloxía que se di defender máis atención se lles presta ás enquisas. Téndese a esperar que a xente se comporte como se desexa en vez de adaptarse ou mudar as crenzas propias, o cal xera, cando as enquisas non amosan o que se espera, frustración, raiba e manifestacións carentes de xuízo.

Unha ficha técnica é o mínimo que se lle debe esixir a unha enquisa para tela en consideración. Esta cuestión cobra máis importancia se cabe coa expansión da internet e a circulación a custo case cero de supostas enquisas e prognósticos interesados. En Portugal, tan lonxe tan perto, existe un organismo gubernamental que regulamenta estas e outras cuestións relacionadas coa comunicación social, no que toda enquisa debe ser depositada. Son conscientes da importancia das enquisas e realizan un exercicio de transparencia que xa quixera para nós. En Cataluña El Periódico deu en pór a disposición do público os datos primarios dos barómetros que encarga á GESOP, no que é unha experiencia open data que oxalá copiaran máis medios e institutos.

E aquí?

En España e por mimetismo en Galicia existe unha tendencia para min perniciosa a publicar só estimacións de voto, omitíndose as máis das veces os resultados crus e espidos da enquisa, libres das influencias boas ou malas das cociñas. No resto do mundo o que se adoita publicar é o voto directo en enquisa, sen adubos, e as diferenzas entre unhas casas e outras remítennos exclusivamente a cuestións metodolóxicas de deseño e realización da mostra.

Sorprende, por exemplo, que Sondaxe dun día para outro lle dea a AGE catro deputados cando o día anterior lle daba un. Realmente os resultados poden estar tan apertados en tres provincias que tres deputados, e daquela a cor do goberno, dependan duns miles de votos?

Descoñezo a actual cociña de Sondaxe e os seus criterios. O único que podo dicir en base á experiencia é que cantas máis forzas políticas concorren a unhas eleccións con posibilidades de obter representación máis incerteza hai tanto na cabeza dos electores como nas estimacións de voto e no reparto de escanos. Se a iso lle sumamos a Lei electoral e a situación aparentemente real de que AGE está arredor do limiar efectivo de voto en varias circunscricións é posible que iso aconteza. Que a súa probabilidade sexa maior ou menor depende do nivel de voto a todas as forzas, e pódese establecer matemáticamente.

Co desprestixio da política pola crise e a corrupción, é posíbel unha menor participación. Existen datos históricos que dean base ao coñecido axioma de que o PP é o maior beneficiado cando hai pouca participación en Galicia?

A baixa participación non só é posible senón que é segura á vista dos datos demoscópicos, da avaliación da situación política e económica, e dos desaxustes entre a actual oferta política en Galicia e o posicionamento do electorado.

Até onde teño analizado os maiores beneficiados da baixa participación son, polo xeral, as forzas minoritarias, que son as que contan cunha afiliación máis fiel e as que optan con máis dificultades a un voto útil. Estatisticamente en Galicia foi o nacionalismo o que obtivo maiores porcentaxes de voto cando máis abstención houbo, independentemente do tipo de eleccións.

Cousa ben distinta é que cando existe realmente unha elección disputada entre a esquerda e a dereita, é a mobilización ou desmobilización da esquerda máis que a da dereita a que soe decidir o resultado.

O cambio de sistema de votación no exterior provocará que cheguen moitos menos votos do CERA. Até hoxe o voto emigrante sempre o gañou o partido no poder en Madrid, con presenza moi cativa dos nacionalistas. Polo tanto, a caída nos sufraxios de fóra pode favorecer significativamente a forzas como o BNG, AGE ou CxG?

O do voto emigrante, lonxe de consideracións estatutarias e idealistas, foi un escándalo democrático continuo e sostido. A diáspora decidiu non só escanos senón eleccións enteiras, como a da chegada de Fraga á Presidencia. O número e reparto do voto emigrante era tan determinista que se podía predicir ao 95% cun modelo matemático simple, dependendo de quen gobernaba na Xunta e en Madrid. A reforma do voto emigrante rematou con aquela vergoña para ben, sen discusión, e agora o menor número de votos que hai revístese de moita máis lexitimidade. Cómpre mellorar e estender as posibilidades de emitir este voto con limpeza en pé de igualdade co dos residentes, pero voltar ao de antes sería propio de réximes políticos pouco democráticos.

Este voto non influirá no resultado salvo unha vez entre mil, e se o fai farano a favor do PSOE ou do PP, nunca das forzas minoritarias. Pero o que estas logren terán que logralo entre o censo de residentes.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 97 comentarios

18 Roi

Carlos Neira parece intelixente e serio. Se cadra é verdade que o PP ten moitisima forza. Pero eu tenho ainda esperanzas coa marea Beiras.Deste xeito alomenos Pachi seria o presidente (manda carallo),pero ben controlado dende a esquerda polo profesor Beiras.

1 Pregunta

E como vai controlar a Pachi o profesor Beiras? Se non lle fai caso vai convocar roldas de prensa para dicir que é moi malo?

2 Resposta

Non, vai tragar para manter a catro colocados (estilo Bloque no bipartito, nas deputacións, nos concellos), xa me entendes...

17 Antón

Eu creo que ten razón Carlos efectivamente. O PP gaña e Beiras tamén pero só o 21 pois, no fondo, se reforzan mutuamente. Acerta tamén Carlos cando di que o que se decide aquí é o reordanemento das alternativas a Feijoo. Por iso eu votarei a Compromiso, porque non quero darlle a IU o que por proxecto e méritos propios nunca tería. Falemos claro, con 3-4 de AGE no parlamento son 2-3 de IU máis o Beiras co seu horizonte político e vital. O peor investimento posible.

1 Pablito el Malo

Peor é investir en Cuíña e Pérez Bouza. Quen queira votar pola nova Convergencia i Unió ala el. Pero o inimigo e Feijoo, Rajoy e o Partido Popular

2 Un que sabe

Quero lembrar que Compromiso por Galicia tomou a decisión de participar en Alternativa Galega de Esquerdas, finalmente e desgrazadamente ao final non foi así, pero a decisión foi tomada polas bases. Os ecogalegistas ao final si se decidiron, aínda que non teñen candidatos nas listas, a apoiar a AGE, o que os honra, xa que poñen por diante a unidade nunha situación de emerxencia nacional

3 Brian

Eu creo que os disidentes son os da fronte xudaica popular!! non! os da unión popular de xudea, non non! os da fronte popular de xudea...., coño, xa me montei un lío

16 Sparafucile

Off-topic: http://www.lasexta.com/noticias/soc... Isto, por exemplo, não vai sair em LVG nem na TVG.

15 chapuzas a domicilio

Buena entrevista...felicidades.

14 Javier

Noraboa por esta interesantísima entrevista