Adif non contempla "ningún risco" que comprometa a chegada do AVE en 2021

O tramo da Liña de Alta Velocidade entre Zamora-Pedralba estará en funcionamento para trens de viaxeiros en xuño de 2020.

Por E.P. | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 27/02/2020 | Actualizada ás 14:32

Comparte esta noticia

Adif Alta Velocidade non contempla, "neste momento, ningún risco nin actuación" que poida comprometer "o prazo fixado de xuño de 2021" para a chegada do AVE a Galicia.

Así o manifestou este xoves o director xeral da empresa, Juan Pablo Villanueva, durante a supervisión dos traballos de montaxe de vía do tramo Pedralba da Padrería-Ourense. Para cumprir co obxectivo, Villanueva incidiu en que se está traballando "intensamente" seguindo un plan "moi ambicioso".

Co fin de "amortecer" o "pequeno atraso" na finalización das obras, "está a optimizarse a execución da montaxe da vía coordinando conxuntamente os traballos con todas as técnicas" entre todas as direccións de obra e contratistas.

O cronograma inicial prevía a finalización das obras do AVE a Ourense en decembro de 2019, pero finalmente os prazos irán a xuño de 2020. A este respecto, Juan Pablo Villanueva valorou que "non lle parece representativo" un atraso de 6 meses nunha "infraestrutura desta índole e complexidade e cun investimento de 4.600 millóns de euros".

Así mesmo, este mes de marzo comezarán secuencialmente as probas no tramo Pedralba-Taboadela para "acreditar que a vía é segura". Neste sentido, mostrado "optimista" porque a tecnoloxía que se está empregando nesta liña é "exactamente a mesma" que se empregou desde Olmedo-Zamora e Zamora-Pedralbes e nestes tramos os resultados que se están obtendo son "moi satisfactorios" e os prazos "moi reducidos".

Segundo os datos que manexa Adif AV, a mediados de marzo estará tendida toda a vía dereita entre Pedralba e Taboadela (101 km) e, en xuño, tamén a esquerda. O tramo Pedralba-Ourense é único en España pola súa alta concentración de vía en placa (sobre formigón, en lugar de sobre o tradicional balasto), un 72% do total do tramo.

A continuación, producirase a adaptación do trazado existente entre Taboadela e a cidade de Ourense (16 km). Por outra banda, a posta en servizo para trens de viaxeiros do tramo entre Zamora e Pedralba está prevista para xuño de 2020 e "acurtará en 50 minutos a duración do traxecto a Madrid".

"ULTIMANDO" A VARIANTE EXTERIOR

Juan Pablo Villanueva tamén explicou que o proxecto de variante exterior de Ourense "vai en paralelo" á execución destas obras e que "os proxectos se están redactando e ultimando" e unha vez finalizados se sacará a licitación.

Respecto da estación intermodal, o Director Xeral de Adif dixo ser coñecedor da controversia e de que "hai xente que quere unha solución distinta á que está acordada entre as tres administracións" pero que "Adif segue traballando no acordado".

Vía do AVE a Galicia. ADIF - Arquivo
Vía do AVE a Galicia. ADIF - Arquivo

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta