Por Uxía Iglesias | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 28/02/2020 | Actualizada ás 14:26
O coronavirus expándese polo mundo e a canda el viaxa unha onda de alarma social, de medo e tamén de racismo, ás veces incluso máis invasora que a propia enfermidade. Os casos por coronavirus continúan aumentando no Estado pero isto non redunda nun incremento do risco. Trátase dun virus cunha baixa letalidade e cuxa recuperación é, na meirande parte dos casos, sinxela. As persoas falecidas ata o momento sufrían patoloxías previas, de maneira que esta 'nova gripe' lles supuxo unha complicación respecto da enfermidade que xa viñan padecendo. Afecta, sobre todo, a persoas con defensas baixas e saúde precaria.
As autoridades sanitarias piden prevención e coidados, mais a realidade do virus en Galicia está lonxe da alarma social que se vén xerando en torno a el. Con todo, neste mundo de redes e de constantes informacións, predominan aqueles contidos que alimentan unha certa 'histeria colectiva' fronte ao descoñecido. E o medo que isto provoca impulsa as discriminacións e o racismo. De feito, a comunidade china no Estado chegou a lanzar nas últimas semanas a campaña #nosoyunvirus para reivindicar que a enfermidade non entende de razas nin nacionalidades.
Zhou e Chen son dous rapaces chinos que estudan en Santiago de Compostela e que viven de xeito especial o desenvolvemento desta enfermidade. O primeiro deles non puido visitar a súa familia polo Nadal. O segundo si, mais tivo que gardar corentena e superar moitas trabas para poder regresar a Galicia. "Aínda que non teñamos o virus, é moi difícil entrar en España", lamentan. Eis os seus dous relatos.
CONTACTO CON CHINA
Tanto Zhou coma Chen manteñen o seu contacto coas familias en China para se informar do estado das cousas. "Nós vivimos nun pobo e contáronme que os policías bloquearon a entrada usando terra", comeza Zhou. A situación segue "inestable" no país onde todo se orixinou. Para mercar alimentos, os seus familiares teñen a oportunidade de saír da casa só cada dous días, e só unha persoa de cada vez, mais as tendas xa están quedando sen existencias. Unha realidade "triste" que se acentua pola ocultación de información por parte do goberno. E fronte a este silencio das autoridades, Internet érguese como a canle prioritaria en China para coñecer como está a situación.
Neste Nadal, Zhou non viaxou ao seu fogar. "Se tivera ido, non podería regresar. É moi difícil conseguilo", comenta. "Quizais en maio poidamos ir, pero agora é a cima, estamos no peor momento". Chen, pola contra, decidiu visitar a súa familia no mes de decembro, cando o virus comezaba a estenderse polo país. Non lle foi nada fácil: "Sentíame moi incómodo, porque case todos os cidadáns necesitabamos quedar na casa para evitar o contaxio".
Volver aquí implicou cambios de rutas e moita burocracia. "Nas aduanas en China eran moi serios, tiven que firmar moitos documentos, sobre o meu lugar de orixe, sobre se fora a Wuhan ou Hubei, sobre se contratara xente de alí... Se mentía tiña que asumir a responsabilidade xurídica", relata Chen. Agora, conta, a situación en China comeza a mellorar e o coronavirus "contrólase", mais Chen ten a obriga de gardar unha corentena de 14 días na casa "para a seguridade pública en España", explica. Durante este tempo, son outras persoas as que lle axudan a mercar os alimentos e os produtos básicos para o día a día.
MEDRAN AS DISCRIMINACIÓNS RACIAIS
Os bulos e as informacións alarmistas que falan en termos de 'crise' e 'devastación' incentivan o medo, e o medo, á súa vez, estimula as discriminacións cara a comunidade asiática. Nestas últimas semanas moitas persoas de nacionalidade china veñen sufrindo episodios xenófobos. Os restaurantes asiáticos e os bazares tamén observan que a súa clientela se reduce, como se a enfermidade puidera ter unha raza asignada.
Neste sentido, Zhou relata dous casos de racismo que sufriu el mesmo en Compostela e unha compañeira súa en Madrid. Nun destes días, cando camiñaba pola rúa, unha rapaza achegóuselle e berroulle: "Chinito, vaite, vaite!". "Supoño que a ela lle preocuparía que eu tivera o Coronavirus", explica. Feitos coma este acentuáronse dende que o Coronavirus comezou a acaparar a axenda mediática. Esta enfermidade, recoñece Zhou, fai máis difícil a integración. "Teño unha amiga que estuda en Madrid e que cada vez que sobe ao metro nota que as persoas queren gardar unha distancia con ela, non habería por que".
Concretamente na aduana é onde máis racismo senten: "Aínda que non teñamos o virus, resulta moi difícil entrar en España agora mesmo", lamenta Zhou.
CAMPAÑA #NOSOYUNVIRUS
Precisamente co obxectivo de reivindicar que as enfermidades non van asociadas a nacionalidades concretas e para loitar contra as discriminacións raciais e a desinformación da poboación, as redes botaron a andar unha campaña que se está facendo eco en todo o Estado. Leva por nome #nosoyunvirus e baixo esta etiqueta decenas de persoas de orixe asiático suben as súas fotos e escriben as súas reivindicacións para concienciar a cidadanía.
Se tes problemas ou suxestións escribe a webmaster@galiciaconfidencial.com indicando: sistema operativo, navegador (e versións).
Agradecemos a túa colaboración.