A Comisión Europea selecciona Pontevedra como finalista do primeiro premio "Seguridade viaria urbana"

Trátase dun recoñecemento internacional á redución da sinistralidade e ás medidas implementadas para implicar á cidadanía e impulsar a mobilidade sustentable.

Por Europa Press / Redacción | Pontevedra | 28/02/2020 | Actualizada ás 15:42

Comparte esta noticia

A cidade de Pontevedra foi seleccionada pola Comisión Europea como finalista do I premio 'Seguridade Viaria Urbana', un recoñecemento internacional á redución da sinistralidade e ás medidas implementadas para implicar á cidadanía e impulsar a mobilidade sustentable. Así o anunciou este venres o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, que se mostrou "moi orgulloso" por este recoñecemento, no que competiu con outras 26 cidades europeas, entre as que figuraban dez españolas.

Cidade de Pontevedra
Cidade de Pontevedra | Fonte: pontevedraviva.com

O acto de entrega celebrarase o 30 de marzo en Bruxelas con motivo dos actos programados dentro da Semana Europea da Mobilidade. Xunto a Pontevedra a Comisión Europea elixiu como finalistas ás cidades de Ordu (Turquía) e Jaworzno (Polonia).

Pontevedra foi elixida pola redución "efectiva e sostida" no número de mortos e feridos graves en accidentes de tráfico e pola súa aposta por unha "mobilidade activa" na que se priman os desprazamentos a pé ou en bicicleta.

Así, valorouse que desde o ano 2011 non se rexistrou ningún falecemento por accidentes de tráfico nas vías urbanas. Este resultado está directamente relacionado coa reforma urbana levada a cabo na cidade, así entre os anos 1995 e 1999 houbo 25 mortos en vías urbanas; 11 falecidos no período 2000-2005; 5 entre 2006 e 2011; e cero mortos no últimos nove anos.

Igualmente a evolución é significativa en canto a persoas feridas de gravidade, é dicir, aquelas que requiriren ingreso hospitalario, pasouse de 69 en 1999 a 14 no 2018.

Fernández Lores destacou que o modelo de Pontevedra é "integral" e inclúe a eliminación de tráficos "innecesarios", a recuperación dos espazos públicos para os cidadáns ou medidas para reducir a velocidade e acougar o tráfico. O alcalde insistiu en que "sería imposible" conseguir este recoñecemento sen a colaboración dos cidadáns.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta