O BNG recruta a Alexandra Fernández, exdeputada de En Marea no Congreso

A Executiva da formación nacionalista propón que sexa a número 3 por Pontevedra, aínda que se barallou como número un e, deste xeito, que as cabezas de lista foran todas mulleres.

Por Europa Press / Redacción | Santiago de Compostela | 28/02/2020 | Actualizada ás 16:55

Comparte esta noticia

O Bloque Nacionalista Galego recrutou para as súas filas á exdeputada de En Marea Alexandra Fernández, que militou en Anova, organización que deixou tras as desavinzas políticas polos pactos electorais con Podemos e Esquerda Unida.

Alexandra Fernández, cando era deputada de En Marea
Alexandra Fernández, cando era deputada de En Marea | Fonte: Europa Press

A Executiva da formación nacionalista propón que sexa a número 3 por Pontevedra, xusto despois da deputada Montse Prado e do cabeza de lista, Luís Bará, co que quedarían representadas as comarcas de Pontevedra, Arousa e Vigo nos postos de saída do Bloque. Deste xeito, e segundo as enquisas, esta posición garántelle un escano no Parlamento galego.

Con todo, segundo puido saber este xornal, existía a posibilidade de que Fernández liderase a lista por Pontevedra, algo que se viu freado pola dirección do partido e, principalmente, desde a UPG.

Alexandra Fernández, que se desmarcou do grupo confederal de Unidas Podemos-En Marea na votación dos orzamentos de Pedro Sánchez que non viron luz verde e desembocaron nas primeiras eleccións xerais tras a moción de censura a Mariano Rajoy, xa mostrara o seu apoio ao BNG nos últimos comicios ao Congreso, que supuxeron o regreso da formación nacionalista galega ás Cortes Xerais.

O BNG avanzou este xoves os cabezas de lista polas catro provincias, postos nos que repiten Olalla Rodil (Lugo), Noa Presas (Ourense) e Luís Bará (Pontevedra). Ademais, tamén serán candidatos en postos de saída os outros dous deputados na X Lexislatura: Xosé Luís 'Mini' Rivas (número dous pola Coruña) e Montse Prado (dous por Pontevedra).

Os nacionalistas xa anunciaran, tamén, unha importante presenza feminina nas candidaturas e incorporacións relevantes ás listas e, de feito, viñan falando de incluír nomes relevantes procedentes do espazo de En Marea na súa pata nacionalista.

Con este nome confírmase que o BNG incorpora activos do nacionalismo descontento co que se denominou espazo de confluencia e que levou tamén á división do espazo político aglutinado ao redor de En Marea. O partido político que situou ao maxistrado Luís Villares á fronte acabou cos seus deputados no Grupo Mixto e decidiu non presentarse ás eleccións o próximo 5 de abril.

TRES MULLERES ENCABEZAN

Ana Pontón, candidata á Presidencia da Xunta, encabeza a candidatura pola Coruña, de maneira que os nacionalistas colocan mulleres como primeiras nas listas de tres das catro circunscricións.

O Consello Nacional aprobará este sábado, 29 de febreiro, as listas coas que o BNG concorrerá á cita electoral de próximo mes de abril, sobre as que a portavoz nacional e candidata á Presidencia destacou renovación, mocidade e experiencia.

O Bloque, con todas as enquisas en contra e unha situación complicada tras as escisións de 2012, logrou situarse no Parlamento de Galicia con grupo propio e seis deputados, que agora ven premiados polo traballo realizado.

A proposta da Executiva Nacional realizouse despois de ouvir ás asembleas comarcais nun proceso no que participaron, segundo as cifras achegadas pola formación, uns 1.450 militantes en 25 asembleas por toda Galicia, incluída a emigración vía telemática.

Como resultado destas asembleas, a militancia trasladou á dirección un total de 234 propostas de candidatos, nas que, en todo caso, quedou constancia dun "apoio unánime" de todas as asembleas ao traballo feito polo grupo, segundo destacou o BNG.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta
Comentarios 25 comentarios

9 Gamela

Alexandra Kollontai é unha muller espléndida e ten a cabeza moi ben organizada ! Se a UPG ten collóns a colocala de número 1 por Pontevedra xuro que terá o meu voto! (aínda que me logo me teña que arrepentir de ver ao Néstor Rego facendo o imbécil) Recuperar a Alexandra é unha operación de altura política !!! Noraboa!

8 Gaiker

Carreira meteórica a da rapaza con tan só 30 anos. Iso si, carreira política, porque a universitaria non a dá rematado, e iso que é na privada. Con 25 aniños no Congreso e agora ao Parlamento. Que se ande con ollo a Pontona, non lle vaia mover a poltrona. Será divertido o catfight entre ambas.

7 Escarnasedo

Lamento a perda do espazo político que representaba En Marea. Non debemos seguir desaproveitando efectivos da sociedade consciente galega. Decisión correcta Alexandra. Por Galiza.

6 Autonomista

A próxima fichaxe será unha concelleira de Ciudadanos, todo vale na Galiza

5 Caneda

Traizoou aos seus votantes, foi desleal cos seus compañeiros, vendeuse a La Vox de Galicia e asumiu o discurso do inimigo contra o espazo político da unidade popular. Agora recibe o premio. Roma non paga traidores, pero o autonomismo bloqueiro si.

1 José

É dicir, é unha traidora, unha desleal, unha vendida e unha inimiga. Esa debe ser a linguaxe da "mestizaxe ruturista". As matemáticas da división infinita. Que ben fixo en deixarvos...

2 Roxalia

José: Traidores, desleais, vendidos e inimigos é o que lle levades chamando os blocallos aos que marcharon en Amio desde hai 8 anos. Que ben fixeron en deixarvos...

3 José

Roxalia non te confundas, non me metas nesa saca... Pero tes razón, na axencia de contratación da upg tamén empregan esta linguaxe.., só que nas matemáticas non fallan, distinguen as operacións que suman das que dividen. Menos mal que aínda non aprenderon a multiplicar.