A borrasca Karine provoca máis de 260 incidencias e ventos de 150Km

Os principais problemas foron por caída de vexetación, restos de pedras e terra e mobiliario urbano nas estradas.

Por Europa Press / Redacción | SANTIAGO DE COMPOSTELA | 02/03/2020 | Actualizada ás 09:57

Comparte esta noticia

A borrasca Karine deixou máis de 260 incidencias ao seu paso pola Comunidade galega. Así, nas últimas doce horas, o 112 Galicia xestionou maioritariamente intervencións relacionadas coa caída de árbores e o desprazamento de obxectos ás vías.

Temporal en Galicia
Temporal en Galicia | Fonte: EUROPA PRESS - Arquivo

O forte vento deixou en Galicia refachos de intensidade máxima de 167,5 quilómetros por hora no municipio ourensán da Veiga e de 143,1 km/h no Carballeda de Valdeorras. Así consta nos rexistros de Meteogalicia, recollidos por Europa Press, nos que se reflicte que os refachos máis fortes corresponderon este luns a municipios con altitude maior de 900 metros, entre os que se inclúen tamén o 135 km/h en Baleira; 132,1 en Cervantes e 120,1 en Pedrafita do Cebreiro.

Mentres, en localidades con altitude inferior aos 900 metros o vento deixou refachos de intensidade máxima de 129,5 quilómetros por hora en Fornelos de Montes; 127,4 en Portomarín; 126,1 nas Neves; 124,5 en Viveiro; e 123,4 na localidade pontevedresa de Oia.

Segundo informou o 112 Galicia, o efecto do vento "está a causar problemas nas estradas debido á caída de vexetación, restos de pedras e terra e partes do mobiliario urbano que poden sorprender aos condutores".

O maior número de incidentes rexistrados no 112 Galicia ten que ver con árbores e gallas, debido ao que se atenderon 170 chamadas motivadas por esta situación e para o que se necesitou a intervención dos distintos equipos de salvamento, así como de limpeza e mantemento de estradas.

Así mesmo, o 112 destaca os incidentes ocasionados por obxectos e mobiliario urbano desprazados ás vías, que sumaron máis dunha trintena de intervencións dos servizos de emerxencias; e inundacións puntuais en vivendas, baixos e garaxes sen que se rexistrasen feridos.

O 112 fixo fincapé tamén na actividade dos efectivos de emerxencias que, nunha ducia de casos, "permitiu reducir o nivel de risco ante estruturas e elementos inestables, como poden ser xanelas, persianas, cables, postes, etc.".

Deste xeito, desde as 20,00 horas deste domingo e ata as 8,00 horas deste luns, o 112 Galicia contabilizou 266 incidentes, das cales 170 estiveron motivados pola caída de árbores e máis de 30 por obxectos que se desprazaron ás vías.

En menor medida, producíronse inundacións en rúas, vivendas, baixos e garaxes (sete intervencións), sen que esta situación provocase dano algún ás persoas, concretaron as mesmas fontes.

En xeral, as catro provincias galegas sentiron os efectos de Karine, aínda que 112 destaca o número de intervencións rexistradas en Vigo, Ponteareas, Moaña ou Salceda de Caselas, na provincia de Pontevedra; Ramirás ou San Cibrao, na de Ourense; Lugo capital ou Portomarín, na lucense; e Betanzos, Brión, Teo ou Santiago na da Coruña.

Comparte esta noticia
¿Gústache esta noticia?
Colabora para que sexan moitas máis activando GCplus
Que é GC plus? Achegas    icona Paypal icona VISA
Comenta